El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
Conchi Basilio
Sociedad

GALICIA | ENSINO

Aumenta o profesorado con afíns e a provisionalidade nos centros de secundaria

11-09-2017 12:49:41

Eis un resumo das principais conclusións que arroxa a adxudicación definitiva do CADP dos corpos de secundaria. De novo, os recortes prolongados e mantidos nestes últimos anos teñen un fiel reflexo no profesorado en expectativa de destino e interino. Mesmo con respecto da adxudicación provisional as cifras ofrecen un panorama aínda máis desalentador.   

Este curso haberá 2.698 docentes interinos en secundaria e outras etapas diferentes de infantil e primaria (cun incremento do 3% ao respecto do curso pasado que consolida o espectacular aumento desde o comezo do goberno de Feijóo (no ano 2010 eran 337 as persoas interinas nestas mesmas etapas educativas). Unhas cifras que se encadran nun aumento xeral da provisionalidade, co incremento dun 6% do profesorado con destino provisional ao respecto do curso anterior (4.444 docentes).   

Tamén será un curso marcado polo elevado número de docentes que impartirán afíns, chegando a 1.271 (máis do 28% do persoal con destino provisional e cunha suba do 6% ao respecto do ano pasado). E de novo, se demostra como a Consellaría non é quen de afrontar o problema do profesorado da especialidade de Música, adxudicando 4 postos para facer substitucións zonais a funcionariado de carreira.


Importantes diferenzas coa adxudicación provisional

Chama a atención a pouca credibilidade que se lle pode outorgar á adxudicación provisional de destinos, con cambios importantes que xeran no profesorado inseguridade, nalgúns casos desconfianza e, sempre, perplexidade diante de tantas alteracións. Así, entre a adxudicación publicada o 31 de xullo e a que vimos de coñecer o 7 de setembro hai unha diferenza de 194 prazas que se engaden, incidindo sobre todo no aumento de persoal interino (162 destinos a maiores), 76 novas prazas con afíns e 37 tamén a maiores que impartirán ámbitos dos PMAR ou a FP Básica. Ademais destes cambios nas cifras totais son moi numerosos nos cambios nos perfís das prazas, o que provoca importantes cambios.


A vulneración da lexislación pola propia Consellaría na FP

Básica   Por último, desde a CIG-Ensino xa nos diriximos por escrito á Consellaría de Educación para que tome as medidas oportunas e non se cometa unha flagrante ilegalidade na obriga a docentes de diferentes especialidades de FP e secundaria para que impartan os módulos dos bloques comúns da FP Básica sen ter atribución docente para facelo.   Despois da denuncia feita pola CIG-Ensino á adxudicación nun centro de Pontevedra de tres vacantes con perfís que claramente incumprían a normativa vixente ao respecto da impartición dos módulos de Comunicación e Sociedade e de Ciencias Aplicadas, así como da demanda de que se revisasen todas as actuacións a este respecto da Inspección, atopámonos agora con que hai numerosos casos de prazas adxudicadas que incumpren a lexislación.   

A CIG-Ensino agarda que a Consellaría actúe inmediatamente e se dean instrucións á Inspección e aos centros docentes, para así evitar ter que facer modificacións posteriores nos horarios. O sindicato anima o profesorado que se atopa nesta situación a que, no caso de que nos horarios se inclúan finalmente eses módulos, reclamen contra esa decisión.   


O mércores

Este mércores a CIG Ensino concentrarase diante da Consellaría de Educación, ás 11:00 horas, para denunciar a situación da adxudicación provisional e do comezo de curso, tanto en primaria como en secundaria. Departamento de comunicación





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias