El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Cartas al Director
Sociedad

GALICIA

Xunta e sindicatos asinan un acordo para garantir o acceso dos discapacitados ás listas de interinos

13-06-2017 11:03:48

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e as organizacións sindicais Comisións Obreiras (CCOO), Asociación Nacional de Profesores Estatais (ANPE), Federación de Traballadores do Ensino da Unión Xeral de Traballadores (FETE-UGT) e Central Sindical Independente e de Funcionarios (CSI-CSIF) asinaron hoxe a modificación do acordo do 20 de xuño de 1995 sobre o acceso á función pública docente en calidade de profesor interino e substituto. En virtude desta nova redacción do texto, entre outras melloras, garántese un maior acceso ás persoas con discapacidade a estas listas, en aras dunha maior inclusividade. Deste xeito, a novidade máis relevante é a garantía de que nas novas incorporacións ás listas dos chamamentos para interinidades e substitucións polo menos un de cada 14 aspirantes deberá posuír unha discapacidade recoñecida dun mínimo do 33%. Acóllese, así, para a elaboración destas listas de interinidades e substitucións, a reserva recollida no artigo 48 da Lei 2/2015, do 29 de abril de emprego público de Galicia.

Esta modificación aplicarase tanto ao persoal que se presente aos procedemento selectivos tanto pola quenda de reserva de discapacitados como pola quenda libre, sempre que reúna os requisitos no momento que remate o prazo de presentación de solicitudes ao concurso-oposición.

Outra das novidades que se recollen no novo acordo é a inclusión dun novo punto, no que se regulan os chamamentos telefónicos. Se a persoa interesada non colle a primeira chamada telefónica continuarase coa cobertura das prazas y volverase a chamar ese mesmo día, transcorrida, polo menos, unha hora desde a chamada inicial. De non atender esta segunda chamada, enviaráselle a persoa interesada un correo electrónico e un SMS, e volverá a ser chamado ao día seguinte, ofertándolle unicamente as prazas que quedaron sen adxudicar o día inmediatamente anterior. As persoas que non atendan aos tres chamamentos telefónicos serán penalizadas sen ser chamadas durante 7 días naturais, e aquelas persoas que sexan penalizadas tres veces serán excluídas definitivamente das listas.


Procedemento selectivo

Ao igual ca no anterior acordo, as persoas que desexen incorporarse ou manterse nas listas de chamamentos deberán presentarse aos procedementos selectivos de ingreso aos corpos correspondentes da Consellería, sempre que se convoque a súa especialidade. Porén, en virtude da nova redacción non abondará con presentarse, xa que non se integrarán na lista aquelas persoas que se retiraran na primeira ou na segunda proba, agás aquelas persoas que acrediten que se están presentando ao procedemento selectivo noutros ámbitos territoriais. Neste caso, tamén deberán acreditar que non se retiraron do mesmo.

Como consecuencia, decaerá dos seus dereitos e será excluído das listas o profesorado interino ou substituto que non se presente aos procedementos selectivo, ou se retire dos mesmos, agás causa xustificada, libremente apreciada pola comisión de seguimento do acordo, que estará formada por representantes da Administración e das organizacións sindicais asinantes, CC.OO, ANPE, FETE-UGT e CSI-CSIF.


Orde nas listas

No referido ao mantemento do número de orde da lista, dáse unha nova redacción ao punto relativo as causas polas que se pode renunciar a unha interinidade ou substitución sen perdelo. Desta forma a excepción referida ao coidado dun familiar “que, por razóns de idade, accidente ou enfermidade, non poida valerse por si mesmo e non desempeñe actividade retribuída”, queda limitado ao coidado de familiares de primeiro grao de consanguinidade ou afinidade, admitíndose, excepcionalmente, o coidado de familiares de segundo grao cando non existan supervivintes de primeiro grao ou estean incapacitados para atender o seu coidado ou se trate de persoas convivintes.

Así mesmo, a causa relativa á ampliación de estudos esixe agora efectuar unha matrícula de, polo menos, 30 créditos e acreditar a realización das correspondentes probas ao final do curso académico. Exclúense desta causa as ensinanzas de réxime especial.

Ademais, o persoal docente interino e substituto poderá solicitar non ser chamado por un período máximo e improrrogable de tres cursos académicos, sempre que se xustifique ter un contrato de traballo temporal ou prestar servizos, tamén con carácter temporal, noutro posto do sector público. Quedan, pois, excluídos desta posibilidade os traballadores fixos, os indefinidos os funcionarios de carreira e os traballadores autónomos. Así mesmo, o profesorado que de acordo co disposto neste punto décimo cuarto desexe acollerse a realizar substitucións en concellos determinados, deberá exercitar esta opción no prazo comprendido entre os días 15 de xullo ao 16 de agosto do ano correspondente.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias