O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou este mediodía que
Galicia pechou o segundo trimestre de 2016 con case 30.000 parados menos que
hai un ano, “o que significa –aseverou- que en Galicia seguimos creando
emprego, que se segue creando emprego de calidade e que se segue incrementando
o número de ocupados”.
Logo de que o Goberno galego avaliase hoxe na reunión do Consello os
últimos datos da Enquisa de Poboación Activa, Feijóo resaltou que a baixada do
paro en Galicia é do 11,7% e, en España é do 11,1%; polo que a taxa de paro se
sitúa no 17,7%, é dicir, 2,3 puntos menos que hai un ano, “a maior baixada nun
segundo trimestre desde 2006”.
O responsable do Goberno autonómico afirmou que esta cifra permite, neste
momento, poder avanzar que o paro en Galicia estará por debaixo do 17% ao final
deste ano, polo que se cumprirá amplamente o obxectivo que se tiña nos orzamentos
de 2016.
No tocante ao número de ocupados, Feijóo subliñou que estes aumentan en
Galicia no último ano en máis de 24.000 persoas (24.100) o que significa unha
subida da ocupación do 2,4%, practicamente igual á rexistrada en España:
Galicia 2,39%; España 2,43%.
Deste xeito, o número de ocupados na comunidade supera o millón de
persoas, con 1.034.100, sendo novamente
a maior subida rexistrada nun segundo trimestre desde o inicio da crise
económica, no segundo trimestre do ano 2007.
O responsable autonómico precisou tamén que os ocupados a tempo completo subiron
un 3,2%, mentres que os empregos a tempo parcial baixaron un 2,5%. Concluíu
lembrando que o número de fogares con todos os membros activos en paro baixou
na Comunidade un 12,6% e en España un 9,9%.