El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
Conchi Basilio
José Manuel López García
Sociedad

O Tribunal Constitucional avala a legalidade do canon de Sogama

12-07-2016 20:44:28

O Tribunal Constitucional avala a legalidade do canon de Sogama, non admitindo a trámite  as diferentes cuestións de inconstitucionalidade formuladas por seis xulgados do contencioso-adminitrativo (catro de Ourense, un de Lugo e un de Santiago de Compostela) nos que se seguían procedementos de reclamación de débeda fronte a un pequeno grupo de concellos díscolos que se negaban a pagar o canon, alegando, entre outros motivos, que este non se axustaba aos preceptos recollidos na Constitución. 

Nos seis Autos referenciados, o Alto Tribunal argumenta a plena constitucionalidade do canon único aplicado por Sogama a partir de marzo de 2014, cuxo importe fora incrementado no marco da entón reforma estatal do sector enerxético, toda vez que esta, nos termos nos que se formulou, mermaría en gran medida a capacidade financeira da empresa pública. O prezo definitivo foi establecido no marco dun plan de viabilidade  presentado pola compañía. 

Grazas á mediación da Xunta, o impacto da reforma nacional foi menor do previsto, circunstancia que permitiu á entidade rebaixar o canon nun 10% a partir de xaneiro de 2015, manténdoo durante este ano, e isto  malia os investimentos, cifrados en ao redor de 34 millóns de euros, que a empresa acometerá durante os próximos meses para ampliar a súa infraestrutura industrial e que lle permitirán optimizar o tratamento dos residuos urbanos, aumentando a reciclaxe e minimizando o vertido. 


Argumentos

Neste escenario, o Tribunal Constitucional confirma a total adecuación da Disposición Adicional vixésimo primeira da Lei 11/2013, de 26 de decembro, de Orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2014, ao texto constitucional. Considera que a norma cuestionada, á que cualifica como medida singular, non é discriminatoria, xa que responde a unha finalidade lexítima e racional: “procurar a viabilidade económica e sostibilidade dun sistema institucionalizado de xestión de residuos urbanos a través de Sogama mediante unha xestión axeitada do medio ambiente da Comunidade Galega”. 

Así mesmo, razoa que a Lei unicamente é aplicable aos concellos adheridos voluntariamente ao modelo Sogama, precisando que, de non estar de acordo co mesmo, poderían ter desistido do negocio xurídico no prazo de dous meses desde a súa entrada en vigor. Neste contexto, considera que a Disposición é razoable, toda vez que o seu fin é garantir a sostibilidade financeira do sistema; axeitada, pois o incremento do prezo fixado no contrato contribúe a alcanzar o devandito obxectivo; e proporcionada,na medida en que as vantaxes que conleva a súa imposición (garantir a viabilidade da empresa) son maiores que os prexuízos que pode ocasionar aos concellos o incremento do prezo establecido no contrato, manifestando que, se a compañía pública quebrase, non podería continuar prestando o servizo, coa particularidade de que, de darse esta circunstancia, afectaría a todo o sistema de xestión institucional dos residuos promovido pola Xunta de Galicia, non podendo alcanzarse os fins de interese xeral que se perseguen co mesmo. 

Noutra orde de cousas, cabe sinalar igualmente que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia tampouco admitiu a trámite os dous recursos contencioso-administrativos presentados polos concellos de Narón (A Coruña) e Moaña (Pontevedra) contra as condicións de adhesión a Sogama publicadas en decembro de 2014.  


Modelo de referencia 

A evolución da actividade de Sogama ao longo dos anos situouna como un modelo de referencia a nivel autonómico, nacional e comunitario. Non en van, o seu proxecto foi avalado pola Comisión Europea mediante a concesión de máis de 72 millóns de euros procedentes dos Fondos de Cohesión, superando de forma moi satisfactoria a avaliación ex post á que foi sometida no ano 2012 e cuxos resultados poñían de relevo os seus beneficios para o medio ambiente, a economía e a sociedade no seu conxunto. 

Cabería indicar tamén que o seu canon é o máis baixo respecto das plantas de xestión de residuos urbanos existentes en Galicia e un dos máis baixos no ámbito estatal, podendo destacar o seu carácter solidario, sendo aplicado en igualdade de condicións a todos os concellos adheridos, con independencia das súas particularidades e emprazamento xeográfico. 

O Presidente da Sociedade Galega do Medio Ambiente, Javier Domínguez Lino, manifestou en numerosas ocasións que “a insolidaridade duns poucos non pode poñer en perigo a solidariedade da maior parte dos concellos, que asumiron en todo momento a súa responsabilidade de pago polo servizo público prestado, sendo conscientes do beneficio reportado á protección do medio ambiente e, xa que logo, ao benestar e calidade de vida dos seus veciños”. 

O sistema integral de Sogama, caracterizado pola aplicación prioritaria dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe) e a recuperación enerxética da fracción non reciclable, axústase plenamente aos preceptos da economía circular, que son os que guiarán as súas accións de futuro. Departamento de comunicación  





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias