El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Cartas al Director
Sociedad

Un documental fai un recorrido pola historia da banda deseñada galega

08-05-2008

O documental '35 anos de Historieta Galega' estréase o vindeiro martes 13 de maio en Compostela. A peza poderase ver ás 20 horas na Sala Mozart do Auditorio de Galicia, dentro das actividades da mostra 'A historieta galega 1973-2008', que se pode visitar neste mesmo recinto ata o 8 de xuño. Dirixido por Gemma Sesar, este traballo audiovisual fai un percorrido pola historia do cómic dende os anos setenta ata a actualidade. Producido pola TVG, El Patito Editorial e TVSIETE, o documental emitirase pola televisión galega o 17 de maio, Día das Letras. '35 anos de Historieta Galega' analiza en 55 minutos a evolución da banda deseñada do país. Percorre a historieta galega dende Reimundo Patiño ata o 'boom' que se está a vivir na actualidade a través das voces dos seus protagonistas, entre as que se poderán atopar nomes como Miguelanxo Prado e Xaquín Marín. 35 anos en menos dunha hora A narración da peza comeza a principios dos anos setenta cos recordos de Xosé Díaz, Pepe Barro e Luis Caparrós sobre a figura de Reimundo Patiño, o primeiro artista galego que utilizou a linguaxe do cómic nas súas obras, e o Grupo do Castro. Xan López Domínguez, Fran Jaraba e Miguelanxo Prado lembran a continuación a fundación da revista Xofre en 1979. Nos oitenta, nomes como Fausto Isorna, Manuel Lourenzo, Víctor Aparicio, ou Arturo Regueiro, achegan unha análise do cómic underground destes anos e a súa visión daqueles anos e das revistas 'Coordenadas' e 'Valiundiez'. O documental non esquece tampouco outra publicación senlleira da década: a revista de humor gráfico 'Can sen Dono', da que falan os seus creadores Pepe Carreiro e Gogue. A ponte cara os noventa vén representada pola revista Frente Comixario, da que falarán Miguel Carballo, Xico Paradelo, Miguel Robledo e Moxon. Os dous principais eventos da banda deseñada galega teñen tamén o seu oco na peza: Benito Losada, un dos organizadores das Xornadas de Ourense, lembra os vinte anos deste festival; mentres que Carlos Portela e Miguelanxo Prado abordan o nacemento e evolución do Viñetas desde o Atlántico. Achegándose xa a etapa máis actual, o documental aborda tamén o nacemento de Golfiño no ano 2000 e a creación da revista BD Banda, así como os seus sete anos de historia. Finalmente, a peza achega unha "análise do suposto boom do cómic galego do que se está a falar moito últimamente", do que falarán nomes como Alberto Vázquez, Jacobo Fernández, Kiko da Silva ou Fran Bueno.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias