El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Sociedad

As Universidades de Kiel, Zadar e San Paulo inclúen o galego na súa oferta docente do vindeiro curso académico

02-07-2007

A Secretaría Xeral de Política Lingüística incrementa, a partir do vindeiro curso, as posibilidades de proxección exterior do galego grazas á creación de tres novos centros de estudos galegos con cadanseu lectorado. Deste xeito, a Universidade Cristiá Albertiana de Kiel, en Alemaña, a de Zadar, en Croacia, e a de San Paulo, no Brasil, incluirán na súa oferta docente a materia de lingua e cultura galegas, tralos acordos asinados entre as tres institucións académicas e a Secretaría Xeral. Según anunciou a Xunta, nun breve espazo de tempo farase unha convocatoria de selección para dotar de profesores aos novos centros de estudos galegos. Na mesma convocatoria procederase a seleccionar tamén novos lectores para universidades onde xa existe esta plataforma, pero que renovan profesorado. Trátase da Autónoma de Barcelona, a de Salamanca, a de Estremadura, a Libre de Berlín, a de Bangor, a de Rennes 2, a de Varsovia e a Nova de Lisboa. No proceso de selección poderán participar as persoas con nacionalidade de calquera dos países membros da Unión Europea licenciadas en Filoloxía Galega, Filoloxía Hispánica na subsección de Galego-portugués ou Filoloxía Románica, sempre que a primeira ou segunda lingua románica elixida fose o galego. Tamén poderán acceder á convocatoria dos lectorados localizados en Alemaña, Reino Unido, Francia, Polonia e Croacia os licenciados en Tradución e Interpretación que posúan 27 créditos de galego e 21 créditos de inglés, ou da lingua oficial do país no que se localice o lectorado solicitado. Para as universidades situadas en Europa, os nomeamentos dos novos lectores faranse efectivos a partir do 1 de outubro de 2007, mentras que para o lectorado da Universidade de San Paulo o nomeamento será o 1 de xaneiro de 2008. Unha comisión de valoración realizará a selección do profesorado. Estará presidida pola subdirectora xeral de Política Lingüística e composta pola xefa do Servizo de Plans, Programas e Asesoramento Lingüístico, o xefe de Sección de Plans e Programas do Ensino da Lingua Galega, o responsable do Centro de Estudos Galegos de cada unha das universidades e un funcionario da Secretaría Xeral de Política Lingüística, que actuará como secretario, con voz pero sen voto. A convocatoria publicarase no Diario Oficial de Galicia (DOG) proximamente.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias