El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Sociedad

SANTIAGO | ATENEO

Comezan os concertos do Ateneo Barroco 2020

08-10-2020 16:26:21

SANTIAGO DE COMPOSTELA | O Paraninfo da Universidade, situado na Facultade de Xeografía e Historia, acolle este venres o primeiro dos concertos do Ateneo Barroco 2020, segunda edición deste festival de música antiga e barroca, organizado polo Ateneo de Santiago e que conta co patrocinio do programa O teu Xacobeo da Xunta de Galicia así como da Deputación da Coruña, ademais de coa colaboración da Universidade de Santiago e o Concello de Santiago.

Baixo a dirección do seu fundador Eduardo López Banzo, Al Ayre Español, probablemente o conxunto de referencia estatal no eido da música barroca, inaugura o festival cun concerto dedicado ás sonatas de Haendel, para moitos, o máis importante operista do Barroco e figura transcendental na historia da música. Neste primeiro recital, que leva por título “To all lovers of Musick”, ademais do talento do autor para a música de cámara, atópase a súa fértil imaxinación como compositor de ópera xa que conteñen unha forte presenza de elementos dramáticos e teatrais e mesmo foron definidas como “óperas sen palabras”.

Como preámbulo ao concerto terá lugar a primeira sesión da actividade complementaria “Instrumentos, xéneros e contextos”, introdución didáctica do festival que nesta edición, por mor das circunstancias sanitarias, se desenvolverá xusto antes de cada concerto, ás 20.00 horas, co público xa acomodado. Co obxectivo de facilitar o achegamento aos artistas, aos seus instrumentos e os seus contextos, á música, a súa historia e os seus xéneros, Eduardo López Banzo contribuirá a preparar ao público para unha audición máis enriquecedora do concerto coa breve charla “Haendel, ensemble e sonata”.

Al Ayre Español é unha agrupación merecedora de notorios recoñecementos como o Premio Nacional de Música outorgado polo Ministerio de Cultura. Con máis de trinta anos de experiencia ás súas costas e considerado toda unha institución musical e cultural, Al Ayre Español goza dunha gran reputación internacional, é invitado repetidamente para actuar nos máis prestixiosos festivais e salas de concerto do mundo e atesoura unha amplísima e galardoada discografía. Ler máis





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias