SANTIAGO DE COMPOSTELA | O
Ateneo de Santiago ven de facer público en rolda de prensa a programación da
edición de 2020 do Festival de música antiga e barroca Ateneo Barroco, que
reúne unha proposta de concertos e actividades complementarias didácticas e
divulgativas (conferencias, encontros, proxeccións, etc.) e que se celebrará en
Santiago de Compostela ao longo deste mes de outubro, entre os días 5 e 24. No
acto interviñeron o Secretario da entidade organizadora Francisco Candela e o
Director artístico do Festival Víctor Carou, así como a Comisaria do Xacobeo
2021 Cecilia Pereira, a responsable de Acción Cultural do Concello de Santiago
Mercedes Rosón e a Vicerreitora de Igualdade, Cultura e Servizos da USC Mar
Lorenzo.
O
Secretario do Ateneo destacou “a importancia de comezar as actividades
culturais nun contexto tan difícil que restrinxe dun xeito tan importante a vida
social e cultural nunha cidade como Santiago de Compostela, onde a cultura se
sinte dunha maneira tan especial”, incidindo en que “o Ateneo ten unha firme
vontade de comezar as súas actividades mantendo todas as esixencias sanitarias
para dar aos asistentes a máxima seguridade”. “Nas músicas antigas e do barroco
podemos atopar un espello no que mirarnos e atopar, en momentos históricos como
o actual, unha linguaxe que permita a comprensión, a tolerancia e a
solidariedade como un elemento imprescindible para a convivencia social”,
rematou dicindo o directivo do Ateneo.
A
continuación, a Comisaria do Xacobeo 2021 Cecilia Pereira salientou que, entre
todos os proxectos seleccionados nas axudas de O teu Xacobeo, este lle fai
especial ilusión “por toda a parte que ten tan vinculada ao camiño, o
intercambio e o diálogo cultural” entre artistas galegos e internacionais,
ademais de contemplar “a necesidade de continuar traballando e tendo unha
axenda cultural” e mostrar o seu desexo de que este festival continúe en
vindeiras edicións.
Pola
súa banda, Mercedes Rosón, en representación do Concello de Santiago, salientou
o esforzo para sacar adiante proxectos nesta difícil situación, “que lle dá a
vida ás administracións, que teñen ese compromiso coa cidadanía, e que lle dá a
vida tamén á cidadanía, que quere seguir desfrutando destas iniciativas”.
Mar
Lorenzo destacou que dende a área de cultura da institución académica “sempre
imos apostar por este tipo de proxectos mancomunados nos que participamos todas
as forzas culturais da cidade porque nestes tempos tan complexos debemos unir
forzas para que a cultura poida saír adiante”.
A
programación desta segunda edición, presentada por José Víctor Carou, está centrada
no barroco francés e a figura de Jean-Philippe Rameau, un dos compositores máis
importantes no Barroco musical en Europa, herdeiro da tradición da gran ópera
francesa, sobre o que pivotarán os cinco concertos. Así, o festival abrirase o
luns 5 de outubro na Rúa do Vilar, 19, cunha conferencia da musicóloga Teresa
Adrán, quen situará a figura de Rameau para posteriormente gozar plenamente de
todos os concertos, que comezarán o venres día 9 no Paraninfo da Universidade
(Facultade de Xeografía e Historia) coas sonatas de Haendel, definidas como
“óperas sen palabras”, interpretadas polo grupo Al Ayre Español, Premio
Nacional de Música.
Como
indica José Víctor Carou, “partindo do barroco francés establécense relacións
entre a música de teclado, a música de cámara e a música escénica (ópera,
ballet, etc.)”, conectando deste xeito con Haendel, Telemann e Monteverdi,
referencias non só do barroco senón de toda a historia da música. Nestas dúas
últimas figuras centraranse os dous seguintes concertos, o martes 13 na Igrexa
da USC, coas recentemente descubertas Fantasías de Telemann, que se crían
perdidas, e o venres 16 de novo no Paraninfo, cun programa elaborado
exclusivamente para este festival arredor de Monteverdi e a ópera italiana,
onde se unirán para a ocasión o grupo Ars Atlantica, dirixido por Manuel Vilas,
con diferentes músicos galegos de prestixio como Mariña García Bouso, Sara
Ruiz, Patricia Rejas e José Manuel Dapena, e a soprano italiana Roberta
Invernizzi, fomentando o intercambio cultural entre músicos galegos e artistas
internacionais.
Os
dous últimos concertos do Ateneo Barroco 2020, que clausurarán o festival e se
desenvolverán no Teatro Principal, serán os dedicados a Rameau e o barroco
francés. Así, o martes 20 terá lugar o acto central do programa, onde os
clavecinistas franceses Pierre Hantaï e Skip Sempé mostrarán a grandeza da
ópera barroca en Francia a partir de dous claves, e o sábado 24, como peche, o
ensemble Ímpetus, grupo máis novo pertencente a unha segunda ola de
intérpretes, dedicarán o seu concerto á música de cámara e para clavecín de
Rameau.
“Unha
parte importante do festival son os encontros cos músicos, que este ano, por
mor das circunstancias sanitarias, terán lugar xusto antes de cada concerto co
público xa sentado”, indica Carou. Deste xeito, as limitacións sanitarias marcarán,
non só o desenvolvemento dos concertos senón especialmente as actividades
complementarias, sendo necesario preinscribirse no enderezo electrónico
ateneo@ateneodesantiago.com para poder asistir á conferencia inaugural así como
ao ciclo “Cinema, Doc, Música”. Neste ciclo, que se desenvolverá no salón de
actos do Ateneo, situado na Praza de Salvador Parga, 4-2º, ás 19.30h,
emitiranse dous filmes, “Le roi danse” (martes 6) e “Vatel” (mércores 7), que
mostrarán a época de creación do barroco e as relacións entre os artistas nos
palacios. As entradas