A área de Cultura da Deputación da Coruña destina máis de cen mil euros
para que sete filmes recentes do novo cinema galego cheguen ao público na nosa
lingua. Os novos títulos de Oliver Laxe, Eloy Domínguez, Jaione Camborda, Eloy
Enciso, Alexandre Canceo e Berio Molina, Rita Azevedo e Lois Patiño son as
beneficiarias da nova liña de axudas ás que nesta edición se destinaron
105.515,38 euros.
Sete películas en galego chegarán a pantallas de
salas públicas e privadas grazas á nova liña de axudas da área de Cultura da
Deputación da Coruña da que se vén de publicar a resolución definitiva. Nesta
nova edición, os filmes máis recentes de creadores e creadoras do que se deu en
chamar o Novo Cinema Galego son os principais beneficiarios dunha convocatoria
que nace coa vontade de eliminar os grandes atrancos do cinema en galego para a
súa distribución en salas de exhibición.
"O que arde" de Oliver Laxe, "Hamada", de Eloy Domínguez,
"Arima" de Jaione Camborda, "Longa noite" de Eloy Enciso,
"7 Limbos" de Berio Molina e Alexandre Cancelos, "A
portuguesa" de Rita Azevedo e "Tempo Vertical" de Lois Patiño
son os títulos que se distribuirán coa liña de axudas da área de Cultura da
Deputación da Coruña pola que reciben achegas desde 5.927 euros até 25.500 eiuros
segundo criterios obxectivos do proxecto presentado para a exhibición.
O deputado de Cultura, Xurxo Couto, destaca que
"con esta liña de axudas a Deputación da Coruña sitúase á fronte do apoio
á distribución do cinema en galego para que chegue ao público na nosa propia
lingua". Segundo apunta, esta foi unha das principais demandas do sector
" que se escoitou na Deputación e está na orixe da creación desta
convocatoria que quere apoiar a gran creatividade do noso audiovisual e
eliminar un dos seus principais atrancos que é o de se incorporar, na nosa
lingua, ao circuíto habitual de distribución".
Couto aproveita para valorar a "grande calidade
dos equipos que están a facer cinema no noso país. Esta convocatoria nesta
ocasión é case unha foto xeracional do novo cinema galego. Nas películas
apoiadas está, por exemplo, a nova de Oliver Laxe que está a ter un singular
éxito en festivais de todo o mundo pero infelizmente continúan a ter
dificultades para seren incluídas nas carteleiras das salas de cinema". Departamento de comunicación