O presidente da Xunta, Núñez
Feijóo, destacou hoxe o traballo dos profesionais da xestión
sanitaria para, día a día, garantir unha sanidade pública galega
innovadora e perdurable no tempo.
Durante a inauguración do 21
Congreso Nacional de Hospitais e Xestión Sanitaria, Feijóo trasladou o
agradecemento e “recoñecemento sincero” aos traballadores do Servizo
Galego de Saúde polo seu traballo, dedicación e compromiso e por facelo
en todas as frontes -calidade, axilidade, seguridade e legalidade- as 24
horas os 365 días ao ano. “Non deixastes nunca de traballar pola
mellora do sistema”, dixo, subliñando que a celebración de actos como
este congreso proban que a xestión sanitaria é unha responsabilidade
sempre inacabada e sempre en permanente mellora, “porque sempre hai
novas patoloxías que atender, novas realidades sociais ás que facer
fronte, técnicas e instrumentos que se van quedando atrás e xorden novas
formas de organización”.
Ademais de aplicar mellores tratamentos,
o responsable do Goberno galego aseverou que innovar significa tamén
que os pacientes se trasladen menos veces ao hospital; garantir que
poidan trasladar dúbidas aos seus médicos sen necesidade de presenza
física; mellor formación para o diagnóstico; mellores procesos
asistenciais; melloras para os profesionais; máis información aos
pacientes; “e significa tamén aforro económico”, engadiu, referíndose ao
proceso de dixitalización das imaxes.
“En definitiva, estamos a
falar de vantaxes evidentes e imprescindibles para o futuro da Sanidade
Pública”, dixo, lembrando ademais o poder da innovación para o
tratamento de dúas realidades sanitarias: o incremento exponencial de
pacientes crónicos e a medicina personalizada en determinadas
patoloxías.
Ao longo da súa intervención, Feijóo incidiu na
importancia do traballo conxunto das administracións e profesionais
“para elaborar un amplo informe sobre as solucións que require a
Sanidade Pública”, dixo, incidindo en que a mellora do sistema sanitario
público esixe a mellora do seu financiamento.