A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e o Concello de
Ribadeo reuniranse esta semana co Goberno central para trasladarlle as
conclusións do estudo xeotécnico e xeolóxico sobre o monumento natural
de As Catedrais e esixirlle que acometa a sinalización das zonas máis
sensibles a posibles desprendementos antes da próxima Semana Santa, co
fin de garantir a seguridade de todas as persoas que visiten este
espazo. Así o adiantou esta mañá en Lugo a directora xeral de Patrimonio
Natural, Belén do Campo, durante unha visita á aula da natureza do
Veral para manter unha xuntanza de coordinación con axentes
medioambientais e técnicos desta zona.
Concretamente, a directora
xeral de Sustentabilidade da Costa e do Mar, Ana María Oñoro, reunirase
en Madrid o mércores 20 de marzo con Belén do Campo, quen solicitou esta
xuntanza tras recibir o informe definitivo elaborado pola Fundación da
Enxeñaría Civil de Galicia. No encontro tamén participará a través de
videoconferencia o alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez.
Cómpre
lembrar que o obxectivo deste estudo, encargado pola Xunta despois do
accidente ocorrido na Semana Santa de 2018, era coñecer con precisión o
estado do monumento natural e facer unha completa caracterización dos
seus espazos, tanto da praia como das furnas, cantís e demais elementos
que o integran, co fin de poder establecer unha serie de recomendacións
sobre a futura xestión desta zona.
A solución finalmente proposta
polo equipo redactor para reforzar a seguridade durante as visitas ao
monumento inclúe a adopción dunha serie de medidas e intervencións sobre
a praia, os accesos á mesma e tamén na senda habilitada para os peóns
que percorre a beira do cantil.
Así, á vista dos resultados da
cartografía de riscos realizada sobre o terreo, o informe recomenda,
entre outras cuestións, reforzar a sinalización e mesmo o impacto das
mensaxes referidas a aqueles tramos e elementos naturais nos que a
probabilidade de caída de material é alta ou moi alta. Este incremento
da cartelaría na que se advirte aos visitantes do perigo afectaría tanto
á entrada á praia, como ao propio areal e ao camiño habilitado para o
paso dos peóns por riba dos cantís.
Así mesmo, a Fundación Enxeñaría Civil de Galicia tamén propón a
prolongación do percorrido existente pola beira do cantil do monumento. A
recomendación recollida no estudo sería materializar esta ampliación
cunha pasarela de madeira de características similares á que ten a senda
xa existente e coa instalación dalgúns miradoiros en zonas moi
concretas, estables e seguras desde o punto de vista xeolóxico e desde
as que os visitantes poderían obter unha perspectiva diferente do
monumento natural.
Competencias sobre costas
O obxectivo
da reunión do próximo mércores por parte da Xunta e do Concello de
Ribadeo, que desde o primeiro momento actuaron de forma coordinada na
busca de solucións para minimizar os riscos para os visitantes de As
Catedrais, é lograr que o Goberno central e máis concretamente, a
Dirección Xeral de Sustentabilidade da Costa e do Mar se impliquen no
problema e asuman a execución das medidas propostas polos expertos para
mellorar a seguridade nesta zona e manter a situación actual de libre
acceso para as persoas.
Cómpre lembrar que o monumento natural
está integramente en terreos de dominio público marítimo-terrestre polo
que lle corresponde á Administración do Estado a adopción de calquera
posible medida preventiva na zona, no exercicio das súas competencias
sobre costas. Ademais e ante a proximidade da Semana Santa, un dos
períodos de maior afluencia de visitantes ás Catedrais, a Xunta
solicitará á máxima responsable do Goberno na materia, que acometa canto
antes as medidas máis urxentes en canto a sinalización, cartelería e
acondicionamento das zonas de acceso á praia, co fin de que estes
traballos poidan estar rematados antes destas datas.