El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Cartas al Director
Sociedad

GALICIA | AUDIOVISUAL

A Agadic abre o seu programa de axudas 2019

14-01-2019 15:43:15

Patrocinado por IdoVisual | A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), da Consellería de Cultura e Turismo, abre o seu programa anual de subvencións coa publicación hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) da convocatoria das axudas de 2019 para festivais galegos do sector audiovisual. A súa dotación de 170.000 euros supón un incremento de máis dun 21% respecto a 2018, continuando coa liña ascendente que rexistra desde hai xa catro anos o orzamento reservado a esta liña de apoio.

A convocatoria diríxese a festivais celebrados entre o 1 de novembro de 2018 e o 31 de outubro de 2019, que teñan unha duración mínima de catro xornadas, con cando menos 20 proxeccións, e que teñan realizado tres edicións consecutivas nos anos inmediatamente anteriores, entre outros requisitos. Ademais, cómpre que a programación proposta conteña un cinco por cento de títulos ou cinco sesións de produción cinematográfica e/ou dirección galegas.


Optimización e sistematización

A Agadic desenvolve por sexto ano consecutivo este programa específico de subvencións co que regula, a través dunha convocatoria pública e en réxime de concorrencia competitiva, o seu apoio económico a certames, semanas e mostras audiovisuais. O obxectivo é optimizar e sistematizar a adxudicación dos recursos públicos para este tipo de eventos, de xeito que o orzamento dispoñible se distribúe de acordo cunha serie de criterios obxectivos. Unha comisión integrada por expertos independentes será a encargada de analizar as propostas presentadas, así como de valorar a súa traxectoria, programación, viabilidade e interese.

O prazo de solicitude abrirase mañá e manterase ata o 15 de febreiro de 2019, de acordo coas bases publicadas hoxe e que poden consultarse DOG. As instancias deben presentarse preferiblemente a través da sede electrónica da Xunta, vía que é obrigatoria para as administracións públicas, as persoas xurídicas, as entidades sen personalidade xurídica e as persoas representantes dalgunha das anteriores.


Retorno do investimento público

Estas son as primeiras axudas do programa de subvencións da Axencia Galega das Industrias Culturais para 2019, que no caso do sector audiovisual prevé outras catro convocatorias: desenvolvemento de proxectos, promoción do talento audiovisual, difusión exterior en festivais de prestixio internacional e produción e coprodución audiovisual. Esta última é a de maior dotación, con 2 millóns de euros adxudicados o ano pasado, a través dos que a Xunta propicia unha actividade no sector por valor de 11 millóns de euros, cantidade resultante da suma de orzamentos dos 13 proxectos de cine e televisión beneficiarios o ano pasado.

Estas cifras implican que o investimento da Administración pública galega na produción audiovisual obtén un retorno de 5,5 por cada un dos euros destinados a esta liña específica de subvencións. En 2019 resolverase, ademais, a segunda fase das axudas ao desenvolvemento e produción audiovisual cara ao Xacobeo 2021, que foron convocadas en 2018 e a través das que a produción do proxecto finalmente elixido será cofinanciada con ata 1,5 millóns de euros. 





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias