Ferrol. O
presidente da Xunta, Núñez Feijóo, referiuse hoxe a construción das
fragatas F-110, que suporán carga de traballo ata 2025, “como a oportunidade
definitiva” para a modernización do estaleiros de Ferrol, e dicir, para a súa
competitividade.
Durante a
celebración das xornadas Hacia el
astillero 4.0 por la transformación digital, organizado por Navantia e a
UIMP, Feijóo incidiu na necesidade de que Navantia prosiga co seu plan para
converterse nun estaleiro 4.0 e, polo tanto, máis tecnolóxico; e que, por parte
do Goberno central se apoie ese esforzo con máis concreción e máis certezas.
Non en van, apostar polo estaleiro 4.0, nun prazo de cinco anos, podería traducirse
nunha redución dos custos nun 25%, nunha diminución dos prazos dun 25% e nun
aumento na calidade tamén do 25%.
“É dicir,
estamos a falar das mellores garantías para futuros contratos”, dixo, facendo
fincapé en que a Industria 4.0 supón unha importante vantaxe en termos de
produtividade e custos; ou o que é o mesmo, en termos de competitividade.
Diante
disto, o titular do Goberno galego resaltou que axudar a todo o tecido
produtivo a facer esta transición dixital é un dos principais obxectivos da Xunta.
Ao respecto subliñou que a Axenda Galicia Industria 4.0, que recolle as liñas
de axuda para iso, cun orzamento total de 352 millóns de euros, xa beneficiou
máis de 7100 empresas e permitiu a creación de máis de 18.000 postos de
traballo.
Así mesmo, e
co obxectivo de anticiparse ao emprego que vén, Feijóo requiriu do compromiso e
a implicación tanto do sector público como do privado; “sobre todo porque está
en xogo a competitividade da nosa industria, pero tamén o noso progreso como
sociedade moderna”, sentenciou.
Sobre este
punto, o responsable do Executivo autonómico lembrou o plan de formación que a
Xunta puxo en marcha para empresas e profesionais do naval, dotado con 13
millóns de euros, co obxectivo de mellorar a cualificación de 5000 traballadores
en activo e desempregados desta industria; e a mobilización xa de preto de 40
millóns de euros en programas de apoio á innovación neste sector. Ademais de
referirse á presentación hai uns meses por parte de Navantia dun dron capaz de
inspeccionar tanques de buques sen recibir sinal de GPS; e Navantia Fene está a
finalizar a entrega das jackets construídas para un dos parques eólicos mariños
máis grandes do mundo que Iberdrola promove na costa británica.
Feijóo aseverou
que todo isto conforma uns bos cimentos para levantar sobre eles o estaleiro
4.0 que aspira a ser Navantia, un salto indispensable para consolidar as boas
cifras do sector naval en Galicia. Así como no que vai de ano, os estaleiros
galegos lograron adxudicarse 9 contratos dun total de 12 en España, polo que
acaparan o 40% da carga de traballo en todo o país.
O
presidente da Xunta concluíu recordando que Navantia representa na provincia o
16% do PIB industrial e o 24% do emprego industrial.