O presidente do Goberno galego, Núñez
Feijóo, afirmou hoxe que na democracia local, dos concellos, na democracia de
proximidade que se practica todos os días nos pobos e vilas está un dos
factores da rexeneración do noso sistema de convivencia.
“A democracia nace nas pequenas unidades de
convivencia para estenderse a ámbitos maiores, e por iso é aí onde reside o
xerme da democracia do futuro”, dixo, lembrando que Galicia non é outra cousa
que unha democracia formada por democracias municipais, dentro dunha democracia
que configura a nosa nación, e no contexto dunha democracia europea na que
seguimos confiando.
Durante a presentación do alcalde de Ourense
no almorzo informativo organizado por Nueva Economía Fórum-Tribuna de Galicia,
Feijóo destacou ademais a necesidade dunha democracia –europea, nacional,
galega ou municipal- que achegue solucións, que responda aos retos e que se adiante
aos escenarios do futuro.
Fronte a un estilo político que menospreza a
madurez da xente e a trata como se fose unha sociedade pueril ou adolescente,
asegurou que o gobernante responsable ve no seu pobo unha madurez suficiente
para entender e compartir medidas que non sempre teñen un impacto positivo
inmediato: “Un auténtico líder segue o seu pobo, e tamén sabe poñerse diante
para sinalar o camiño que considera axeitado”, abundou.
Nesta liña, aseverou que son políticos como o
alcalde de Ourense, Jesús Vázquez Abad, os que permiten confiar nun pleno
retorno ao sosego, á tranquilidade e á normalidade que se bota en falta.
“Jesús Vázquez Abad non elude o compromiso de
gobernar nunha situación precaria, nin se reviste de tons grandilocuentes para
gañar o favor dos veciños. Sitúase nas antípodas dos rexedores ególatras que
fan da extravagancia a súa norma de conduta”, dixo, ao que engadiu que lle
gusta insistir en que sempre se poden facer mellor as cousas.
Así mesmo, resaltou que o novo e o
tradicional desembocan en rexedores como Vázquez Abad para facer un compendio
semellante á nosa sociedade. “Unha Galicia privada da herdanza do pasado ou sen
os seus elementos renovadores, sería unha Galicia incompleta e feble. Un
Ourense exclusivamente clásico ou moderno, sería unha cidade eivada”, afirmou,
asegurando que con esta idea, o Goberno galego apostou por potenciar o elemento
clásico ao reformar a catedral de San Martiño de Ourense, rehabilitar vivendas
do seu centro histórico e reformar a Ponte Vella.
Todo elo sen perder de vista a modernidade,
plasmada en proxectos como: un centro interxeracional, o primeiro de España; un
innovador ecobarrio, ou conexións de transporte que impulsen o tecido económico
da cidade, como a estación intermodal e o enlace do polígono de San Cibrao coa
A-52.
Feijóo recordou que a Administración autonómica
tampouco esqueceu algo moi importante para o alcalde: os servizos sociais,
colaborando co Concello para poñer en marcha unha nova residencia de 120
prazas, presentando o proxecto dun novo centro para persoas con discapacidade e
ampliando o hospital público.