El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Deportes

ATLETISMO

Marta Míguez participa na XI Gala do Atletismo Galego

12-01-2018 20:45:24

O Barco de Valdeorras.- A secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez Telle, acompañada pola directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, participou no serán de hoxe na XI Gala do Atletismo Galego que se celebrou no Teatro Lauro Olmo do Barco de Valdeorras e na que a Federación Galega de Atletismo recoñeceu o traballo da Xunta de Galicia en prol do deporte coa entrega da medalla de ouro, a máxima distinción que outorga esta entidade. A este respecto, a máxima responsable do deporte en Galicia destacou que “son moitas as cousas que facemos desde o Goberno Autonómico para fomentar o noso deporte e o atletismo”, e sinalou como mellor mostra dese apoio “a recentemente inaugurada pista cuberta de Ourense que atraerá a Galicia aos mellores competidores e ás mellores competicións”.

No seu discurso, Marta Míguez destacou a “etapa dourada” que está a atravesar o deporte galego e o atletismo. Así, lembrou que “o atletismo é o deporte que conta con maior número de participacións galegas ao longo de toda a historia dos Xogos” cun total de 25 atletas dos 106 olímpicos de Galicia.

Tocante a todo o acadado no ano 2017, a secretaria xeral destacou os récords de probas federadas na nosa Comunidade Autónoma cun total de 374 competicións e do número de medallas en campionatos de España cun total de 306 metais, cando no ano 2007 acadáronse menos da metade (134). Ademais, a titular de Deporte apuntou que as licenzas de atletas, clubs e adestradores seguen a medrar no atletismo e que nesta última tempada batéronse 256 récords galegos de todas as categorías (29 absolutos, 15 promesas, 14 júniors, 19 xuvenís, 22 cadetes, 5 infantís, 4 alevíns, 13 benxamíns e 135 veteranos).

Por todo iso, dixo Míguez, “os 160 premios que hoxe entrega a Federación Galega recoñecen todo ese traballo responsable do bo estado de saúde que atravesa o noso deporte”. Uns premios que “recoñecen aos nosos mellores atletas absolutos, promesas, júniors, xuvenís, cadetes, veteranos; ás mellores marcas da tempada; aos medallistas internacionais; aos mellores clubs, pero tamén a xuíces, adestradores e institucións porque en Galicia todos e todas, dun xeito ou doutro, facemos atletismo”. “Ese é o xeito que ten Galicia de contribuír o deporte de todos e de todas: un traballo coral a través da colaboración de todas as persoas e institucións que formamos unha intensa rede en prol do deporte de Galicia”, concluíu.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias