Na listaxe de bos propósitos para 2010 Mariano Rajoy non incluíu nin un cambio de actitude nin unha mudanza de estratexia. Retorna o líder conservador con renovados folgos pero todos os seus vigores van ser dedicados ás mesmas rutinas argumentativas e escenográficas coas que despediu 2009. En vez de 2010 teremos un 2009+1 (o mesmo que o ano pasado máis un ovo que diría Felipe González).
Están garantidas logo a sabida crispación dialéctica e a estratexia da indiferenza fronte os casos de corrupción coas que se arroupa a diario Rajoy Brey. Cren os estrategos da Rúa Génova que, se lles vai ben así, non hai razón ningunha para cambiar; por iso o presidente do Partido Popular gastará enerxías en desgastar o goberno de Rodríguez Zapatero e en liberarse de toda responsabilidade na procura de solucións.
Nun recente ensaio Daniel Innerarity insistía en que para enfrontarse intelixentemente á crise económica (e a todo tipo de situación crítica pódese engadir) é preciso anticipación, responsabilidade e cooperación. Rajoy non comparte os criterios do filósofo vasco: adía toda alternativa concreta para os problemas grandes, medianos ou cativos que enfronta o Estado español; nega todo compromiso responsábel na procura de políticas compartidas e impulsa unha sorte de filibusterismo parlamentario que pecha a porta a toda política colaborativa con tal de facerse con botín electoral.
A ecuación básica do Partido Popular é que canto peor (a situación) mellor son as (súas) perspectivas electorais. Rajoy é un apóstolo do altruísmo que vive, ben se ve, para o coidado do bens comúns e do interese xeral dos cidadáns. Para preparar o seu gran salto cara a cadeira presidencial cre que lle abonda co abuso da photopportunity. De aí que ultimamente os enxeñeiros de imaxe do PP non teñan outra ansia que non sexa procurar impresionantes fotos de Rajoy como «presidente dos cidadáns decentes e en dificultades» e por iso posa con idéntica paixón repartido menús nun comedor para necesitados ou nunha cola do INEM.
A fabulación gráfica non impide que sexa impensábel que el acabe engrosando a listaxe de desempregados ou sentado diante dun prato solidario para enganar a fame negra, tan impensábel como crer que coas súas ideas será quen de xerar emprego de calidade ou de animar políticas de igualdade solidaria coas erradicar, ou paliar, as situacións de pobreza ou exclusión social. Pero iso tanto ten porque hai unha sabedoría iluminada que insiste en que unha imaxe vale máis que mil palabras.
A Rajoy gústalle figurar cos problemas como pano de fondo, como emotiva escenografía da súa preocupación polo presente e futuro dos cidadáns comúns, e é tan extrema a súa adicción a retratarse cos problemas que esquece que o que se espera dun auténtico líder político é que se retrate coas solucións. A Rajoy válelle máis unha foto que unha proposta política solvente, pode que semellante extravío sexa debido a que está irremediabelmente cegado polos flashes.
Manuel M. Barreiro
¿Quién es "El Freddy"? De momento sólo se sabe que es el protagonista de una enigmática campaña publicitaria presentada en A Coruña. El individuo, que habla "koruño", se reivindica en la web, en autobuses y en vallas como el verdadero "dueño" de la ciudad. Para demostrarlo muestra hasta documentos "oficiales". En los próximos días sabremos quién está detras.