El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Disparando aos reloxos

Minaretes e outros medos

30-11-2009

Os cidadáns da culta, próspera e neutral Suíza foron chamados para decidir, en referendo, sobre a prohibición de construír minaretes e a favor de rematar coa exportación de armas. Non se poderán construír novos minaretes pero poderase seguir exportando armas e munición.

Era a terceira vez que os suízos votaban para procurar a suspensión da exportación de material de guerra e o seu en tránsito polo país. A iniciativa para rematar co «comercio da morte» foi derrotada en 1972 ¬–votou a favor o 49,7%–, en 1997 –colleitou só o 22,5% das papeletas¬–, e desta volta tivo unicamente o 32% dos votos.

Razóns económicas pesaron máis que as motivacións humanitarias. Os datos: estaban en xogo ao redor de 5 mil  empregos nun sector que a penas representa o 0,4% das exportación suízas, unha facturación de 772 millóns de francos, o 0,11% do PIB. A fin das exportacións non suporía a ruína de Palmira pero puido máis o medo.

Na mesma tirada, e á iniciativa do ultradereitista Partido do Pobo Suízo-Unión de Centro Democrático, un 57,5% dos votantes helvéticos santificaron que se prohiba a construción de minaretes en novas mesquitas. Gañou novamente o medo, esta vez na primeira volta.

Os voceiros do Partido do Pobo Suízo-Unión de Centro Democrático non cansaron de repetir a mesma mensaxe: os minaretes abren a porta á lei coránica en Suíza. Os minaretes tornáronse no símbolo da islamización de Suíza e, por extensión, de Europa. Durante a campaña gastaron de tanto repetilo un verso do escritor turco Ziya Gökalp: «Os minaretes serán as nosas baionetas».

Algúns datos para nortearse: en Suíza viven 400.000 musulmáns, na súa maioría de orixe bosnia, macedonia e turca, o 5 % da poboación; e no país do reloxo do cuco hai tan só 4 minaretes. Aínda que a poesía é unha arma cargade de futuro, cómpre dicir tamén que Gökalp morreu en 1924, así que sería cousa de prestarlle máis oído ás palabras de Jean Commerson, outro poeta morto hai tamén bastantes anos: «O medo é un microscopio que aumenta o perigo.»

Mais para poesía, a do cartel co que se pedía apoio á prohibición, auténtico lirismo gráfico. En primeiro plano, unha muller enmascarada co burka, como pano de fondo un feixe de minaretes, representados como mísiles, sobre unha abatida bandeira suíza. O Partido do Pobo Suízo sabe o medo que traballa: os minaretes son a expresión ameazadora do poder do Islam. Auténtica propaganda de guerra: Comézase polos minaretes, remátase co burka!

Zygmunt Bauman advertiunos de que vivimos en tempos de medos líquidos. Líquidos, sólidos e gasosos a xulgar pola deriva que apunta o duplo referendo suízo. No seu último libro, A deleiba do mundo, Amin Maalouf acendeu as luces de alarmas ante a tolemiada marcha da humanidade e fai un chamado democrático para retrucar con esperanza a unha tripla tentación: a do precipicio, a da parede e a do cumio.

Para o escritor libanés a humanidade ten que sobreporse á tentación do precipicio: o ánimo suicida dos oprimidos e excluídos decididos a arruinar unha festa (a do benestar) á que non están convidados. Hai que enfrontar tamén á tentación da parede: a pretensión dos países máis ricos de fortificarse diante das inseguridades até que pase o trebón das moitas crises. Hai que vencer, por cabo, a tentación do cume, esa que repousa na crenza compracente da fin da historia e do inevitábel choque das civilizacións; é dicir, que non hai outra saída que a dunha humanidade dividida na afirmación teimosa de identidades que negan as identidades dos outros.

En Galiza sabemos ben como funciona esa endemoñada enxeñaría dos medos líquidos, sólidos e gasosos. Con gran habelencia bélica converteuse a normalización da lingua galega nunha expresión ameazadora do poder do nacionalismo galego. E os enxenñeiros do medo triunfaron o 1-M. O «medo á imposición do galego», que non «a  imposición» da lingua galega que non se produciu por ningures co goberno bipartito, serviu ao Partido Popular como catalizador dunha estratexia que agora ameaza por levarse por diante a identidade dun pobo coa liquidación da súa lingua e cultura.   

Hai unhas semanas o Consello da Cultura Galega tendeulle ao Goberno galego do PPdeG unha ponte para a recuperación do consenso ao redor da lingua galega. O presidente Núñez Feijóo debería aconsellarse de sensatez, abandonar a explotación electoral do medo e, antes que tarde, cruzar esa ponte do acordo pola lingua. Estamos sabidos de que a democracia non durará moito se vencen aqueles que teiman por confundila co tiranía do medo en Galiza, en Suíza ou en calquera curruncho do mundo.

Manuel M. Barreiro


Ver otros artículos de este colaborador




www.liderdiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias




ENCUESTA
  • ¿Crees que Puigdemont debería proclamar la República antes de que se aplique el 155?
  • NO
  • NS | NC
Videoteca