El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
María José Navarro
Disparando aos reloxos

Declaración de guerra

23-11-2009

É imposíbel que as forzas políticas catalás dixestionen resignadamente unha sentenza do Tribunal Constitucional que desarbora o Estatut que foi aprobado polo Parlament e polos cidadás en referendo. Se na sentenza se impón o actual estado de opinión do Tribunal, desaparecerá o termo «nación» do preámbulo, finiquitaranse as referencias aos símbolos e dereitos nacionais, e cancelarase a obrigación de coñecer a lingua catalá. O cadro de novas competencias semella que non padecerá maiores chapodas e o vantaxoso sistema de financiamento non sufrirá ningunha creba.

A previsíbel sentenza non poderá ser cualificada como salomónica pero, de certo, adubarase cunha abondosa dose de ambigüidade para facela máis dixeríbel pola opinión pública catalá. A sentenza sobreentendida dirá, máis ou menos, que Cataluña é, na práctica, unha nación cun sistema de financiamento e un marco competencial que supera en moito as normas dos autogobernos máis avanzados de calquera Estado federal. En poucas palabras, Cataluña é unha nación pero non se pode dicir que é unha nación.

En 1923, o afoutado anarcosindicalista José Peiró preguntábase na Revista España: «Queredes saber en que consiste o catalanismo?» e contestábase cheo de razón: «En pesetas, en pesetas e en pesetas.» Quen aínda crea certa esta versión monetarista do catalanismo poderá confiar en que o capítulo de competencias e financiamento pesará na consideración da opinión pública catalanista máis que as vagas e simbólicas consideracións identitarias.

Con todo,  a sociedade catalá malamente vai renunciar a poñer en claro que son unha nación, con símbolos, dereitos históricos e unha lingua de seu e, xa que estamos en onda libertaria, é bo lembrar o lema dun fachendoso cartel da CNT-AIT: «Somos e seremos o que queiramos e non o que outros queiran que sexamos.» Este é o espírito que anima o sentir do catalanismo na actualidade e desde esa consciencia autodeterminada se enfrontarán a sentenza do TC.

A mala noticia do Constitucional crea un grave problema ao PSC e a Montilla que non poden aceptar mansamente unha decisión que engorda as expectativas electorais de CiU permitíndolle abandeirar a revolta identitaria e erixirse en defensor da integridade do texto do Estatut. A sentenza é tamén un incómodo aguillón para ERC que se distanciou do texto (polas súas eivas en termos soberanistas) e que tentará aproveitar a aldraxante decisión dun moroso Tribunal para dar novos pasos cara á independencia de Cataluña.

De producirse un rebaixamento mol das referencias identitarias do Estatut, o manual de estratexias permitiría unha distribucións de papeis menos explosiva, máis previsíbel, menos desequilibrante: pragmatismo acomodado para quen lidera o Govern (PSC), apelación soberanista supeditada ao uso pragmático dos novos recursos (ERC); e vindicación identitaria para CiU. Iniciativa podería optar por un virtuoso punto de equilibrio entre PSC e ERC, e o Partido Popular pode despedirse en Cataluña de maiores beneficios debido ao seu papel como gardián dos valores da vella España.

Pero será mellor que os estrategos descarten esa improbábel escenografía e acepten que será misión imposíbel, en nome do pragmatismo e do seny,  convencer a ninguén de que o texto estatutario, abaixado pola doutrina xacobino-constitucionalista do Tribunal,  se axusta á máxima gatopardiana de cambiar algo para que todo siga igual. Poucos aceptarán que Cataluña sexa na práctica unha nación cando o que está en discusión é o seu recoñecemento legal como nación.

Por iso a sentenza será lida como unha declaración de guerra por un importantísimo sector da cidadanía de Cataluña xa que na mesma tirada nega unha evidencia política –a normalidade dos símbolos da nación catalá e a súa lexitimidade histórica– e desprézanse decisións libre e democraticamente adoptadas polas institucións e os cidadáns cataláns.

En 2010 o Scottish National Party convocará un referendo para decidir a independencia de Escocia; coa graciosa contribución do Constitucional e a pouco que se se sigan facendo mal as cousas, moitos cidadáns cataláns, convocados ese mesmo ano ás urnas, farán doutro xeito o mesmo: votar por aquelas formacións que abran soberanamente a porta a se gobernar libremente e á marxe dunha Constitución trastempada, dos partidos que a divinizan e do capricho dun Tribunal  que só serve para negar o futuro de Cataluña como nación no Estado español e en Europa. En Ferraz e en Génova aínda haberá quen crea que máis se perdeu en Cuba.

Manuel M. Barreiro


Ver otros artículos de este colaborador




www.liderdiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias




ENCUESTA
  • ¿Crees que la Liga española será un monólogo del Real Madrid?
  • NO
  • NS | NC
Videoteca