El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Disparando aos reloxos

Liberalismo grotesco

26-10-2009

Nas vésperas de serlle entregado o premio Príncipe de Asturias das Letras, Ismail Kadare deixouse entrevistar para desvelar, entre outras intelixencias, como o grotesco enfía moitas veces a orde de cousas: «O grotesco ten unha cerna dolorosa, desapiadada. E o grotesco ábrese camiño a couces en situacións tan propicias como unha ditadura. <...> Hai unha comicidade en todo o grotesco, unha comicidade dolorosa.»

O grotesco non só reina nas ditaduras, tamén o fai  con idéntica dolorosa comicidade nas democracias, ben basta con seguir as afliccións de Mariano Rajoy para decatarse do seu enraizamento entre a clase política. Ao grotesco pertencen as indecisións e indiferenzas do líder do Partido Popular diante das corrupcións maiores e menores do caso Gürtel e non menos chocalleira e irrisoria é a súa intervención na guerra sucesoria de Caja Madrid.

A mediados de agosto os medios quixeron saber da opinión do presidente dos conservadores sobre a posíbel fusión das caixas de aforros galegas, fose porque non sabía que contestar, fose por non tomar partido nunha lea entre entidades poderosas, Mariano Rajoy esquivou o asunto cunha manifestación de principios: declarouse «liberal de verdade» e sentou cátedra afirmando que «os políticos non deben entrar en asuntos que non lle competen». Auténtica delicatessen liberal.

Tres meses despois Rajoy tenta facer valer a súa decrecida autoridade na elección do presidente de Caja Madrid. Tras resolución gatopardiana sobre a rexeneración do Partido Popular na Comunidade Valenciana, a súa credibilidade cifra as súas cotas máis baixas. O ensaio de cambialo todo para que nada cambie unicamente valeu para devalorizar o seu propio liderado e reforzar o de Camps na súa satrapía.

Agora o seu círculo de adeptos esíxelle unha resposta contundente fronte ás manobras de Esperanza Aguirre que quere colocar a un propio no cume da entidade financeira madrileña. Rajoy apadriña a Rodrigo Rato, un candidato bastante máis cualificado e honesto que Ignacio González, o home de palla da lideresa, mais non é a excelencia o que guía a estratexia marianista.

A ocupación da presidencia de Caja Madrid por parte dun fiel de Esperanza Aguirre confirmaría a súa autonomía política e renovaría as súas credenciais para suceder a don Mariano no caso da súa xubilación anticipada. O reduto aguirrista non se deixa domesticar e asáñase por seguir ampliando os seus poderes e leva, polo de agora, vantaxe na guerra de baixa intensidade que libra co aparato marianista.

Á hostilidade de Aguirre súmase o ameazante prestixio de Rodrigo Rato, de entre todos os ex- do Partido Popular é o que ten mellores credencias democráticas e un currículo con maiores recoñecementos públicos. A opción, que no seu día descartou Aznar en beneficio de Rajoy como candidato «continuísta sen complexos», é vindicada agora, coa lingua pequena por parte de moitos dirixentes conservadores, como un inmellorábel sucesor.

Se Rajoy consegue orientar as apetencias de Rato cara á xestión da entidade madrileña desfarase temporeiramente dun perigoso competidor e infrinxirá unha severa derrota á Aguirre como voceira da oposición interna no seu partido. Dúas vitorias polo prezo dunha. Aínda que non é moi dado as decisión rotundas, a don Mariano vaille parte do seu crédito e futuro político en ser quen de impoñer o seu «dedazo». Fallarlle a Rato sería un convite a regresar á primeira fila da política activa, non atopará peor incentivo que as promesas incumpridas.

As inxerencias de Rajoy no relevo directivo de Caja Madrid lévanse mal coa doutrina liberal non-intervencionista pero empatan excelentemente ben con ese cinismo pragmático que lle obriga a entrar entrar en asuntos (que si lle competen) para seguir manténdose no cumio do poder do Partido Popular.  

Mariano Rajoy cre que os cidadáns temos memoria de peixe e de que ninguén acudirá as hemerotecas para saber das súas apoloxéticas declaración liberais de hai tres meses. Non é preciso, cada día está máis claro que a materia ideolóxica do minguante líder conservador non é o liberalismo senón o cinismo. Grotesco, triste de asombrar, para rir por non chorar.

Manuel M. Barreiro


Ver otros artículos de este colaborador




www.liderdiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias




ENCUESTA
  • ¿Quién crees que será el mejor candidato para liderar el PSdeG?
  • Gonzalo Caballero
  • Xoaquín Fernández Leiceaga
  • Juan Díaz Villoslada
Videoteca