El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
María José Navarro
Disparando aos reloxos

Descrédito partidario

14-10-2009

Co inicio do outono comezan a chegar as primeiras sondaxes sobre a temperatura política do Estado. O cadro de tendencias non mudaron substancialmente respecto das enquisas da primavera: os apoios do PSOE seguen recuando e o sorpasso do Partido Popular parece ser confirmado; a popularidade de Rodríguez Zapatero cae como un peso morto; as súas políticas económicas carecen de engado entre os cidadáns e engordan a abstención con votantes progresistas.

Os indicadores do Barómetro do CIS de setembro empeoran drasticamente cando se valora o momento político e económico. Case o 71% dos entrevistados cren que a situación económica do país é «mala» ou «moi mala», dato que desmellora o de hai dous meses, cando o 65,2 por cento opinaba así. Un 12% dos enquisados consideran xa á clase política e aos partidos como o principal problema do Estado, tras o desemprego, a crise económica, o terrorismo e a inmigración e seguido, a moi curta distancia, pola inseguridade cidadá. Unha inestábel polvoreira.

A falta de capacidade para enfrontar a crise económica con medidas eficaces é o factor fundamental dos descontos electorais do PSOE. As catas demoscópicas son anteriores ás revelacións do caso Gürtel pero as corruptelas e indicios de corrupcións maiores fan perder ao Partido Popular aproximadamente un 5 por cento dos seus apoios. É previsíbel que, aínda que con demora, os conservadores padezan maiores descontos electorais en posteriores sondaxes. A negativa de Ric Costa a exercer como comedor dos pecados (propios e alleos) agranda a fondura da crise do Partido Popular. O pasado martes e 13 será difícil de esquecer na rúa Génova. Agárdase de Rajoy un exercicio de autoridade. Canto máis tarde, peor será para o seu futuro político.

Por unhas razóns, ou por outras, a lexitimidade e o crédito cidadán de PP e PSOE sofren un acusado devalo pero, de momento, iso non se traduce nas enquisas nun aumento de audiencia doutras ofertas partidarias. Nunhas vindeiras eleccións, UPyD posibelmente confirme a súa condición de terceira forza política no Estado, por diante de Izquierda Unida, pero aínda está moi lonxe de ser unha ameaza para conservadores e socialistas. O entalamento electoral de CiU, PNV, mais tamén do BNG, e o retroceso de ERC, descartan significativas transferencias de lealdades en Cataluña, Euscadi e Galiza.

Todo empeora pero pouco cambia na cartografía electoral. Neste estado de cousas, a solución de goberno segue sendo, malfadadamente, cousa de dous partidos que referencian os dous grandes espazos políticos tradicionais dos socialdemócratas e dos conservadores. Un bipartidismo, de minguante crédito, hexemoniza o sistema de participación política; aínda así, multiplícanse os indicios de que a crise política será de tanto calado como a depresión económica e que todo conduce cara a unha segunda transición da que sairá unha nova ordenación de poderes e un novo estado de partidos.  

En 2006, Ralph Dahrendorf, ante o xermolar de liderados populistas, reflexionaba sobre a crise dos partidos tradicionais e concluía que necesitaban «con urxencia recuperar o apoio dos cidadáns» e que para iso «necesitan claridade programática, honestidade organizativa e unha boa comprensión das inquietudes dunhas sociedades que perderon as súas estruturas tradicionais».

É improbábel que PP e PSOE decidan un cese temporeiro de hostilidades e acorden apuntalar o actual sistema de representación de intereses e mellorar a calidade das súas solucións á crise política e económicas investindo na eficacia dos seus programas, na transparencia das súas organizacións e decisións, e nunha coidada atención das demandas e desexos dos cidadáns. Deberían ter presente que con  esta axenda quen teña coraxe, terá vantaxe. Indolentes, mellor absterse.

Manuel M. Barreiro


Ver otros artículos de este colaborador




www.liderdiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias




ENCUESTA
  • El 30% de los españoles va al cine al menos una vez al mes. ¿Crees que es caro?
  • NO
  • NS | NC
Videoteca