Se, como afirmaba Carlo Bini, a política é o goberno da opinión, durante este verán o Goberno do Estado promoveu unha política descamiñada e sumou clamorosos fracasos no goberno da opinión pública que, cunha penosa secuencia de marradas iniciativas, evidenciou improvisación, falta de criterio e indecisión.
A espiral de despropósitos iniciou coa presentación da axuda adicional de 420 euros para os parados sen cobertura ningunha, un paliativo que tiña o engado de ser proba da solidariedade do Partido Socialista cos que máis cruamente padecen a crise. Ofrecida como unha prestación xeneralista, multiplicou as expectativas e xerou un razoábel aplauso. En días, a faixa orzamentaria adelgazou drasticamente o número de beneficiarios e provocou unha onda de malestar de considerábel magnitude.
José Blanco entregouse rapidamente aos micrófonos para subliñar que o goberno debía mellorar a comunicación das súas políticas para evitar malos entendidos e, coa mesma, díxonos que había os cartos que había e que non era posíbel ampliar temporeiramente a axuda ao desempregados sen prestación. Ás poucas horas era desmentido e o Goberno iniciaba unha relea cos sindicatos para ampliar o período de cobertura. O PSOE acaba de chegar a un acordo coa esquerda parlamentaria para que a súa aplicación se faga efectiva a partir de primeiro de xaneiro de 2009 pero a rectificación non compensará o dano de credibilidade do PSOE.
Blanco foi o primeiro en pasar por alto as súas propias recomendacións para afinar a política de comunicación anunciando que se ía impulsar unha reforma fiscal para que as persoas de maiores rendas ampliasen as súas contribucións e así poder acrecentar os fondos das políticas sociais. Algún espelido redactor cualificou a Blanco como un novo Robín Hood que quería tirarlle cartos aos máis ricos para darllos aos máis pobres. O PSOE deu por boa a imaxe que ademais contribuía a tapar luminosamente o fracaso publicitario dos 420 euros.
Unha lectura vagarosa dos primeiros teletipos evidenciou que a proposta era máis unha opinión persoal de José Blanco que unha iniciativa do goberno. Principiaron a estenderse as dúbidas de que a reforma fiscal de 2010 chegase a ningures e non foron poucos os que subliñaron que as formas eran inapropiadas e que, de publicitarse unha reforma fiscal, lle correspondería facelo a Vicepresidenta Salgado que é quen ten en graza esa competencia gobernamental.
A cousa pareceu endereitarse coa ratificación de Salgado. A confirmación das mudanzas fiscais restituíu o perfil de esquerdas do Goberno validando a súa vontade de introducir novos mecanismos de equidade fiscal e de xustiza redistributiva. Que Salgado o certificase ao tempo que o balance contábel de débedas que as Comunidades Autónomas teñen coa caixa estatal non axudou a poñer en primeiro plano a política de valores igualitarios e xusticeiros; moi ao contrario, salientou que a modificación fiscal obedece basicamente a unha estratexia recadatoria obrigada polos déficits financeiros do Goberno de España.
Unicamente quedaba agardar a que Rodríguez Zapatero púxese ramo á reforma fiscal. Fíxoo na mesma tirada en que anunciou a Lei de Economía Sustentábel afirmando que o goberno traballaba nunha proposta de axuste temporal e limitado dos impostos; é dicir, que a súa equidade fiscal non ten pretensión ningunha de perdurar, será puntual, limitada no tempo e altamente selectiva. Zapatero quere que a economía sexa sustentábel pero que a equidade fiscal sexa bondadosamente eventual. O presidente do goberno garantiu ademais que non se ían tocar as rendas salariais, que non se modificaría nin o IRPF nin o imposto de sociedades, e que a reforma gravará as grandes rendas de capital.
O decepcionante anuncio presidencial cancelou a política fiscal de Robín Hood que se aventara apenas unha semana antes. As medidas afectarán marxinalmente aos maiores patrimonios que están acubillados nas Sociedades de Investimentos de Capital Variábel e polos que os seus titulares tributan un escandaloso 1%.
Protexidos as grandes rendas e cunha estrutura de recadación fiscal que gravita sobre as rendas do traballo, todo apunta a que os investimentos adicionais en políticas sociais imos pagalos a escote. Neste sentido é revelador o adianto de que se vai suprimir a dedución de 400 euros coa que se nos agasallou indiscriminadamente en 2008. Aínda é posíbel que Robín Hood poida apuntarse unha pírrica vitoria e lograr que o desconto se manteña para as persoas co rendas menores de 24.000 euros. Non teñan dúbida, a soñada política de equidade remudarase por unha política de escote.
Non lles fatigo máis co detalle dos trasacordos, reformas, contrarreformas e mediorreformas do Goberno xa que non é máis que a crónica dun clamoroso fracaso. Na tempada de verán o PSOE foi cativado pola aguda previsión de Jules Goncourt: «Un goberno seria eterno se ofrecese ao pobo, todos os dias, un fogo de artificio.» Damos por sabido que a publicidade como xestión de lumes de artificio non é máis que a legalización da mentira ou de medias verdades. Erra dramaticamente quen crea que o goberno pode reducirse a unha xestión publicitaria, acertará quen coide da política como goberno da opinión e responda de modo esixente ás demandas de claridade, transparencia e rigor que fan os cidadáns.
O goberno ha gastar escasamente en publicade e moito máis en información. Na relación cos cidadáns todo o que non é información é ruído. Ruído que favorece a xordeira cidadá e o desapego entre gobernantes e gobernados. Tal contaminación acústica é un luxo que Rodríguez Zapatero non pode permitirse; obraría ben se abandonase a fórmula de Goncour e se sumase á de Henry Ford: "O fracaso é a oportunidade de comezar de novo intelixentemente".
Manuel M. Barreiro
¿Quién es "El Freddy"? De momento sólo se sabe que es el protagonista de una enigmática campaña publicitaria presentada en A Coruña. El individuo, que habla "koruño", se reivindica en la web, en autobuses y en vallas como el verdadero "dueño" de la ciudad. Para demostrarlo muestra hasta documentos "oficiales". En los próximos días sabremos quién está detras.