El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
María José Navarro
Disparando aos reloxos

A doutrina Vázquez 2.0

11-08-2009

 Pregúntanlle pola relación co BNG e Manuel Vázquez, secretario xeral do PSdeG, facéndose o duro, camúflase na indiferenza: «A mesma que con calquera outro partido. Somos unha formación con vocación de goberno maioritario.» A xornalista quere saber se hai marxe para reeditar o bipartito e recibe unha rotunda negativa: «Non haberá máis bipartitos» e, de agasallo, unha declaración de principios gratuíta: «O PSdeG non é partido de coalicións.»

No suposto de que sexa razoábel tirar conclusións das entrevistas de verán, temos unha que é rotundamente desalentadora: coa nova orientación dos socialistas galegos o Partido Popular empoleirarase durante unha boa tempada no goberno de Galiza. Tamén é evidente que unha cousa son as declaracións estivais de Vázquez e outra ben diferente o rudo contraste da estratexia de Vázquez coa estatística electoral e a cartografía de poder real do PSdeG.

Fóra do poder derivado da administración periférica e do Goberno do Estado, en Galiza o PSOE xestiona dúas deputacións, grazas á súa coalición co BNG, e case un centenar de alcaldías: un 40% con maiorías absolutas, mentres un 29% dos seus alcaldes os obtivo sendo a lista maioritaria e nun 31% ten o bastón de mando malia non ser a candidatura máis votada; en resumo, 3 de cada 5 municipios nos que hai alcalde socialista é o resultado de coalicións activas ou pasivas ou, dito doutro xeito, se gobernase automaticamente a lista máis votada o PSdeG pasaría de ter aproximadamente 100 alcaldías a ter unicamente 70. Diferencial que non está nada mal para non ser o PSdeG un partido amigo de coalicións e acordos postelectorais.

Cada vez que ten ocasión, Manuel Vázquez reitera a «vocación de goberno maioritario» do PSdeG e mesmo fixa o obxectivo electoral ao que aspira: sumar o 40% dos votos dos galegos. Trátase logo dunha vocación maioritaria relativa que requirirá dun apoio activo ou da pasividade opositora do BNG para poder gobernar de xeito sustentábel. Maioría relativa e de non doado logro. Os anais rexistran que na convocatoria electoral autonómica de maior bonanza, a de 1989, os socialistas galegos atinxiron o 32,7% dos sufraxios emitidos. A distancia mínima que os conservadores quitaron ao PSdeG nunca baixou de dez puntos (en 1981) e, desde as autonómicas de 1985 o PPdeG, daquela Coalición Popular, nunca sumou menos do 40% dos votos.

Como os números son teimudos e o espazo electoral do PPdeG ten demostrado a súa grandísima lealdade e solidez, que se confirmará agora aínda máis como partido  no goberno de Galiza, cómpre concluír que o líder do PSdeG aspira, no mellor dos casos, a empatar co PPdeG. E a Pachi Vázquez, se non se quere ver na lea dunha coalición de goberno cos nacionalistas, só lle quedará un camiño: acordar politicamente co Partido Popular que, tras as próximas municipais e en convocatorias electorais futuras, goberne sempre a listaxe máis votada. Demanda expresada desde tempos inmemoriais polo Partido Popular.

A aceptación do goberno da listaxe máis votada é o atallo menos doloroso para chegar a onde Vázquez, rexeitando as coalicións co BNG, teima en conducir ao PSdeG: ser un partido complementario pero en ningún caso alternativo ao Partido Popular de Galicia. A doutrina de (Manuel) Vázquez comparte ADN estratéxico coa doutrina Vázquez 1.0, inspirada polo ex-alcalde da Coruña, e coa que se tornou ao PSdeG nunha acomodada e lealísima oposición ao PPdeG na primeira andaina da era Fraga. Con toda certeza, a doutrina Vázquez 2.0 non lle dará ao PSdeG maiores beneficios que a doutrina Vázquez 1.0.

Dicía outro Manuel Vázquez (Montalbán) que en política ademais de imposturas hai posicións, posturas e posturiñas. Por máis voltas que lle dea Manuel Vázquez, se non se quere ver abandonado polos seus electores máis progresistas e galeguistas, ao PSdeG só lle resta unha posición –ser un partido de goberno alternativo ao PPdeG– e dúas posturas:  asinar un acordo de goberno ou subscribir un pacto de lexislatura co BNG. Na Galiza electoral de hoxe e, probabelmente, na de dentro dun cuadrienio para ser alternativa de goberno ao PPdeG, o PSdeG ten que ser necesariamente un partido de coalicións. Toda outra estratexia ou vocación de goberno maioritario será unha posturiña que beneficiará á hexemonía do Partido Popular, favores polos que Feijóo xa lle pode ir anticipando grazas a Manuel Vázquez (Fernández).

Manuel M. Barreiro


Ver otros artículos de este colaborador




www.liderdiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias




ENCUESTA
  • El 30% de los españoles va al cine al menos una vez al mes. ¿Crees que es caro?
  • NO
  • NS | NC
Videoteca