El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
María José Navarro
Disparando aos reloxos

Sorpasso sen sorpresa

28-07-2009

O paso de ecuador do verán adornouse coa publicación do barómetro do CIS correspondente ao mes de xullo no que destacan dous datos: o Partido Popular supera, por vez primeira, ao PSOE en intención de voto desde 2004; e o suspenso xeral da clase política no goberno e na oposición. Nin a falta de crédito dos profesionais da política nin o sorpasso do Partido Popular supoñen sorpresa ningunha.   

Des que comezaron a agudizarse os efectos económicos e sociais negativos da Depresión 2.0 o crédito electoral do PSOE emprendeu unha sostida recuada que adicionada á sólida fidelidade dos electores do PP conducen inevitabelmente ao resultado actual. Unha tendencia que se apuntaba xa con clareza, desde principios de 2009, en numerosas consultas demoscópicas previas á cata do CIS.   

En paralelo, a mala prensa de gobernantes e opositores aumenta exponencialmente debido á súa incapacidade para ofrecer solucións practicábeis ao problemas máis sentidos polos cidadáns: o desemprego e a adversa situación económica. A depreciación da política e os seus actores agrávase coa proliferación dos casos de corrupción e corruptelas que emporcan a conduta democrática do PP e pola publicación dos desmandos de «jara y sedal» que xa se cobraron un ministro e un director do CNI afeando a ética dos gobernantes do PSOE.   

Non é estrañar, polo tanto, que para un 10 por cento dos entrevistados polo Centro de Investigación Sociolóxicas o principal problema no Estado español sexa a clase política e os partidos. O barómetro de xullo ponlle números á sentenza do actor Imanol Arias quen, non hai moito, afirmou que «os políticos son agora a clase profesional peor dotada de España». É difícil levarlle a contraria.  

A importancia política dos inquéritos non se lle escapou a Dick Morris, un dos principais asesores de Bill Clinton, quen os cualificaba como «o mestre absoluto de Occidente» e dicía que, en caso de dúbida, hai que someter mansamente as decisións estratéxicas aos seus resultados. Aínda que se dá por sentado que as sondaxes máis que un instrumento para representar a opinión pública son un medio de creación da opinión pública, non é menos certo que o impacto das súas conclusións é maior entre as direccións do partidos e os mandatarios gobernamentais que entre os cidadáns comúns.   

Con todo, o inquérito do CIS vén unicamente corroborar cousas sabidas. Primeira: É o descrédito do PSOE o que, presumibelmente, lle pode facer gañar as eleccións ao Partido Popular e non a solvencia das súas políticas e liderados. Segunda: o desemprego damnifica basicamente a unha parte fundamental da reserva electoral do PSOE, a xente nova e as mulleres. Terceiro: a política con maiúsculas ten actualmente o seu centro de gravidade nas decisións económicas e nos seus resultados e non no discurso de valores. Cuarto: o que mellora o posicionamento dun partido non é facer denuncias sobre a corrupción doutros partidos senón poder acreditar o seu goberno cun catálogo indiscutíbel de boas prácticas. Quinto: se o PSOE quere mellorar os seus resultados ten que enfrontar un cambio de rumbo das súas políticas para seducir os desencantados no centro político e a chamada esquerda volátil.   

Rodríguez Zapatero armou en abril unha remuda significativa do seu gabinete que non semella ter dado apenas froitos. Todo indica que non era cuestión de persoas; falla unha estratexia política que se demostra impotente para paliar a recesión económica e a destrución de emprego. Os seus maiores logros (repartición do financiamento autonómico...) asegúranlle no curto prazo unha maior cobertura parlamentaria e unha tramitación do vindeiro orzamento menos problemática; con todo, aínda que o PSOE está zafando na área parlamentaria todo indica que está perdendo a batalla na opinión da rúa.   

Para comezar a mellorar, cando menos ao PSOE viríalle estupendamente abandonar algunhas ideas fixas coas que está planificando o seu futuro. Primeira: aínda que a crise se deba en gran medida ao fracaso das receitas neoliberais de aí non se deriva que os custes electorais vaian ir a cargo dos partidos das dereitas senón dos partidos gobernantes con independencia da súa posición no arco ideolóxico. Segunda: é improbábel que o caso Gurtel descualifique a Rajoy da carreira presidencial e lle faga gañar as eleccións a Zapatero. Terceira: o medo á dereita non é o mellor recurso para mobilizar á esquerda abstencionista nin aos electores do morno centro.   

Ao PSOE non lle rende ningún beneficio seguir negándose ás evidencias do seu declive electoral. Os dirixentes socialistas permanecen xordos ante uns electores que, pacientemente, lle levan repetindo o mesmo refrán desde hai meses: «A casa é túa pero a porta é miña.»  O PSOE pode seguir gobernando como queira a súa desnortada estratexia pero é saudábel que tome nota de que o seu enroque e a súa xordeira son hoxe por hoxe a principal causa do abandono abstencionista. 

Manuel M. Barreiro


Ver otros artículos de este colaborador




www.liderdiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias




ENCUESTA
  • ¿Crees que la Liga española será un monólogo del Real Madrid?
  • NO
  • NS | NC
Videoteca