El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
María José Navarro
Disparando aos reloxos

Galiza, o novo Sur

20-07-2009

Tradicionalmente o Sur cartografaba territorios de desigualdades maiores e benestares mínimos. Hai tempo que o compás está totalmente desnortado e o Sur empobrecido e desfiuzado se enxerga en calquera outro punto cardinal; de feito, fálase dun Sur Global que nos permite xeolocalizar en parte calquera condicións de vida misérrimas.

A Enric Juliana, o vedraño xornalista de La Vanguardia, non se lle escapa a falta de determinismo xeográfico que, no presente, rexe a identificación das bolsas de pobreza e prosperidade. Por iso, hai un días, nun artigo onde avaliaba o acordo de financiamento autonómico, salientaba: «No Noroeste (interior de Galiza, Asturias e boa parte de Castela e León) hai unha forte sensación de retroceso polo despoboamento e o envellecemento social. Aí está o novo Sur.»

Un dos nosos grandes espellismos, construído polas  ocorrencias da comunicación política, é o da Galiza das dúas velocidades. A velocidade da Galiza da AP-9, da nosa fachada atlántica, cun forte dinamismo económico e demográfico; e a lentitude da Galiza interior, amortecida na súa expansión poboacional e produtiva.

Unha realidade falseada polas palabras que semella indicar que as dúas Galiza avanzan, aínda que unha máis ca outra. Non é tal. Hai unha parte do noso territorio que non só non avanza senón que recúa social, económica e demograficamente.

O lirismo ruralista que entoa o noso novo goberno non resolverá o problema, a solución é o financiamento de novos servizos de benestar e o impulso de innovadoras políticas de desenvolvemento local. A crise no Sur da Galiza Interior é máis crise, os seus efectos sociais negativos agrándanse nos colectivos máis vulnerábeis que non están no mercado de traballo e acrecéntanse aínda máis cando a rede de servizos públicos se distribúe desigualmente polo territorio.

O recoñecemento da dispersión é un criterio de solidariedade de primeira orde para garantir a socialización e acceso ao benestar e non só porque o esparexemento da poboación grave o custe dos servizos senón porque sen unha organización dos servizos públicos como servizos de proximidade resulta imposíbel frear os procesos de desertización demográfica das nosas comarcas rurais e do interior de Galiza.

Agora, para empeorar a cousas, a Galiza, como quiñón dese Sur norteño, vaille corresponder un financiamento cativo na nova repartición de fondos do Estado. A amigábel conversa de Núñez Feijóo con Manuel Chaves, tan esperanzadora, ficou en nada e a ortopedia contábel de Elena Salgado acompañada da incapacidade negociadora do presidente da Xunta de Galicia achégannos uns ingresos pobres, moi abaixados respecto das nosas necesidades e demandas.

No debate do financiamento, pedra angular do «reestyling» do Estado das Autonomías auspiciado por Rodríguez Zapatero, quedou en evidencia que Galiza sofre un problema de tripe «bastanteo». Galiza non ten peso político bastante no Estado para poder mudar as estratexias do Goberno central. O noso país non ten financiamento bastante para corrixir os déficits de servizos e infraestruturas que nos lastran para competir nos mercados e converxer en termos de benestar coas comunidades máis prósperas. E Núñez Feijóo non ten capacidade de liderado bastante para ser voceiro dos intereses do noso autogoberno e dáse por contento con ser acólito auxiliar do que decida Mariano Rajoy na rúa Génova.

Como consecuencia do pasado veto do Partido Popular a un novo Estatuto para o noso autogoberno e da presente falta de competencia negociadora da Xunta do PPdeG, sabemos xa co que Galiza terá que gobernarse e enfrontar a crise económica. Tocáranos apandar cun Estatuto de Autonomía de primeira xeración que suma máis dun cuarto de século de existencia, e cun financiamento de Serie B, de baixos orzamentos para pobres realizacións.  O poeta Oliver W. Holmes deixou escrito que «o máis importante da vida non é a situación en que estamos, senón a dirección cara a que nos movemos.» Grazas a estes dous logros debidos (o primeiro na oposición, o segundo no goberno) a Núñez Feijóo, a dirección de Galiza para os catro próximos anos está infelizmente clara: ser Sur e ser máis Sur no Norte.

Manuel M. Barreiro


Ver otros artículos de este colaborador




www.liderdiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias




ENCUESTA
  • ¿Crees que la Liga española será un monólogo del Real Madrid?
  • NO
  • NS | NC
Videoteca