El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
Susana Evangelista
Disparando aos reloxos

BNG: creba de tradicións

12-05-2009

Se o 1-M Galiza cambiou de goberno, o 10 de maio o BNG mudou as regras do seu goberno interno. A fotofinish da Asemblea Extraordinaria do BNG ofrécenos un resultado paradoxal: ganou a Alternativa da UPG pero Máis BNG non foi derrotada. Na historia do BNG ningún voceiro nacional tivo tan escaso apoio asembleario e ningunha das correntes contestatarias chegara a presentar unha candidatura á executiva por non dar nunca acadado máis dun trinta por cento dos membros do Consello Nacional. A alternativa da UPG ten unha maioría exigua na Executiva e é a minoría maioritaria no Consello Nacional o que non lle permitirá o goberno do BNG sobre a simple lóxica de maiorías aritméticas.
 
Pero alén disto, a Asemblea do 10 de maio mudou tamén o modelo de goberno interno da organización nacionalista ao materializarse catro rupturas co sistema tradicional de conformación da súa dirección política executiva.
 
A primeira ruptura deriva do lanzamento por parte da UPG dunha candidatura confesionalmente partidaria. En A nación galega existe, o libro de conversas con Francisco Rodríguez que compuxo Xosé Mexuto, o secretario xeral da Unión do Povo Galego expresaba a súa convicción de que, na conformación do liderato público do BNG, a elección dun candidato confesionalmente partidario (é dicir, dun candidato da UPG), podía non ser o máis conveniente para o modelo frontista.
 
Os liderados de Xosé Manuel Beiras e, despois, de Anxo Quintana víronse favorecidos (e ao mesmo tempo limitados) por esa decisión estratéxica da UPG que externalizaba a portavocía nacional pero simultaneamente controlaba todos os recursos de poder efectivos no BNG. O voceiro nacional era exhibido como expresión de pluralidade política da fronte nacionalista, asignábaselle unha cota de autonomía limitada e encomendábaselle, como primeira función, trasladar á sociedade galega as propostas do BNG. De acordo con esa doutrina, o líder do BNG máis que un poder executivo tiña un poder de mediación. Ao portavoz nacionalista correspondíalle pragmaticamente modular a oferta política-electoral e o seu labor estivo sempre suxeito a unha lei de bronce da factoría UPG: nos éxitos os méritos son da organización e nos fracasos a responsabilidade era (case) toda ela do voceiro nacional.
 
O 10 de maio, a UPG gañou cun candidato confesionalmente partidista. Por máis que Guillerme Vázquez non sexa militante da UPG, o seu equipo e oferta política é inequivocamente o da UPG. Ponse así fin aos gobernos por persoa interposta e ao principio de non-responsabilidade corporativa no que, nas adversidades, se ten escudado a UPG. Ao partido de Francisco Rodríguez tócalle decidir, responsabilizarse das decisións e facer unha obrigada rendición de contas. Certo é que Máis BNG, igualmente presente da nova executiva, é corresponsábel da dirección política pero o centro de gravidade das decisión e as responsabilidades focalízase como nunca na UPG.
 
A segunda ruptura significativa coa tradición é que a nova executiva é o resultado dunha competencia electoral e non dun acordo de integración dos partidos e colectivos do BNG que, agás na Asemblea Nacional de 2006, nunca foron calibrados atendendo directamente aos apoios asemblearios. Na historia do BNG foi recorrente confundir a partitocracia co pluralismo, a cooptación coa elección e, na formación do seu núcleo dirixente, tradicionalmente sempre se sobrerrepresentou o peso dos colectivos e partidos que estiveron na asemblea fundacional de Riazor fronte aqueles que se incorporaron máis serodiamente como consecuencia da ampliación do BNG como proxecto común (Inzar, PNG, Unidade Galega). Tras o 10 de maio, a pluralidade da organización nacionalista non só é cualitativa, tamén se someteu a un proceso de cuantificación democrática: sábese non só quen é quen, senón que aval teñen cada unha das correntes e partidos do BNG.
 
A terceira ruptura está subliñada pola ausencia na executiva, por vez primeira, dalgúns dos colectivos fundadores do BNG (Colectivo Socialista, integrado en Encontro Irmandiño) e de quen foi o seu primeiro portavoz nacional, Xosé Manuel Beiras. Francisco Rodríguez, secretario xeral da UPG, é o único representante que foi o núcleo dirixente fundacional.
 
E, por cabo, a constitución de Máis BNG achega unha nova descontinuidade; con independencia da magnitude dos seus apoios asemblearios, historicamente todas as candidaturas alternativas que xurdiron no BNG (Avante, Movemento dos Non-Adscritos, A Alternativa –UG+Esquerda Nacionalista–, e mesmo o Encontro Irmandiño) caracterizáronse por ter cativos recursos de poder non só no aparato frontista senón tamén nas representacións do BNG nas institucións. Non é o caso de Máis BNG que suma un notábel apoio entre os alcaldes e concelleiros nacionalistas e que conta entre as súas filas case a metade dos parlamentarios galegos. Presenzas que, ao tempo que a responsabilizan do goberno do BNG e a obrigan a tomar iniciativas políticas, constitúen tamén un poderoso recurso de disuasión contra as tentacións hexemonistas que puidese abeirar a UPG na nova etapa.
 
Todas estas mudanzas enfrontan ao BNG a unha situación inédita coa conformación de dous bloques de poder no seu goberno interno. Como sabemos, desde as orixes da Guerra Fría e a imposición da política de bloques, sobre o papel e nunha situación de equilibrio inestábel como a que encara o BNG só hai dúas alternativas: a coexistencia pacífica ou a destrución mutua asegurada. A intelixencia política, non obstante, non lle deixa ao BNG máis opción que unha.

Manuel M. Barreiro


Ver otros artículos de este colaborador




www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias




LO QUE HAY QUE VER

Sarah Palin usa "chuletas" de mano


OTROS VÍDEOS
ENCUESTA
  • ¿Cree que el PP debe presentar una moción de censura?
  • No
PUBLICIDADE
radio lider cinta
Videoteca