El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Más noticias

DEPUTACIÓN DA CORUÑA

A Deputación e a UDC crean unha Cátedra de Dereito Local

16-10-2017 17:03:25

A Coruña.- A Deputación da Coruña acolleu hoxe a reunión constitutiva da Cátedra de Dereito Local da Universidade da Coruña (UDC). Nesta primeira xuntanza de traballo, participaron o presidente provincial, Valentín González Formoso, o xefe de Patrimonio e Contratación, Luis Jaime Rodríguez, e os catedráticos da UDC Carlos Amoedo e Francisco Javier Sanz Larruga.

González Formoso destacou que esta nova cátedra “contribuirá ao estudo dos diferentes aspectos que afectan á Administración Local, non só desde un punto de vista teórico, senón tamén práctico, de maneira que sexan de utilidade para a xestión diaria dos concellos da provincia da Coruña”.

A Deputación da Coruña financiará o 100% dos gastos da Cátedra de Dereito Local, achegando 20.000 euros anuais ata 2020, polo que o investimento total ascenderá a 80.000 euros.

Esta iniciativa permitirá impulsar a investigación e as actividades formativas en ámbitos coma os dereitos fundamentais, a contratación pública, a Gobernanza e a boa Administración municipal, as políticas sociais, a ordenación do territorio, o urbanismo, o patrimonio cultural ou o medio ambiente.

A Cátedra contará cun plan de acción para impulsar a difusión do Dereito Público no ámbito da Administración Local, a través de proxectos coma o desenvolvemento dunha newsletter de dereito local para os concellos coruñeses, a realización de cursos,  a organización de xornadas internacionais ou a promoción e participación en foros e outros eventos especializados.


Primeiras actividades

O primeiro dos cursos terá lugar os días 9 e 10 de novembro, na Facultade de Dereito da UDC, e servirá para que diversos especialistas analicen en profundidade a nova Lei de Contratos. Outras das actividades que se programaron durante esta reunión constitutiva foron a elaboración dunha monografía sobre a Lei do Solo de Galicia e o seu regulamento e a próxima convocatoria dunha reunión de traballo cos alcaldes da provincia, co obxectivo de intercambiar impresións sobre as necesidades e problemáticas municipais en temas relacionados co dereito administrativo.

Así mesmo, organizaranse unhas xornadas sobre a remunicipalización de servizos públicos locais, un tema de actualidade e que plantea problemáticas xurídicas nos concellos. A celebración deste encontro está prevista para principios de 2018.

Doutra banda, a Cátedra tamén terá un papel importante no impulso á investigación universitaria e a difusión dos resultados e conclusións mediante un informe anual sobre a situación do dereito comparado local e un anuario de dereito local iberoamericano.

A longo prazo, a Deputación e a UDC tamén plantean a creación dun Centro Internacional de Estudos Locais, que tería a súa sede no Pazo de Mariñán, en Bergondo. Departamento de comunicación





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias