El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Más noticias

A Deputación da Coruña conmemora o Día Internacional das Mulleres Rurais

14-10-2017 16:21:37
Valentín González Formoso.

A Coruña.- Con motivo da celebración do Día Internacional da Muller da Rural, a Deputación da Coruña organizou hoxe en Palexco (A Coruña) un acto conmemorativo que reuniu a preto de 500 mulleres que residen e traballan en diferentes municipios rurais da provincia co obxectivo de “facer visible e recoñecer publicamente o papel decisivo das mulleres no desenvolvemento social e económico do rural galego”.

Así o afirmou o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, durante o discurso inaugural desta xornada, que contou tamén coa asistencia  das presidentas autonómica e estatal da Federación de Asociacións de Mulleres Rurais (Fademur), Rosa Arcos e Teresa López, e do secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García, entre outros.

Valentín González Formoso destacou que “en Galicia, a muller foi historicamente, e segue a ser, o motor do medio rural”, contribuíndo co seu traballo e constancia na gandaría, a agricultura ou o sector pesqueiro e marisqueiro á produción de materias primas de primeira calidade, sobre as que se asenta boa parte da economía dos municipios máis pequenos e rurais. Asemade, o presidente provincial subliñou a importante contribución feminina para manter, xeración tras xeración, a cultura popular e a nosa identidade propia. “Para construír a Galicia que hoxe coñecemos”, afirmou.


Apoiar o emprego e a igualdade no rural coruñés 

“O noso compromiso dende a Deputación é que vivir e traballar no rural non supoña un sobresforzo; que os traballadores e traballadoras do sector primario conten cos mesmos servizos e facilidades, tanto para desenvolver o seu traballo ou para crear empresas como para gozar de servizos e infraestruturas públicas”, afirmou Valentín González Formoso, que destacou que a Deputación “aposta por fomentar o emprego e o emprendemento no rural” a través de programas como o PEL (Plan de Emprego Local), “que este ano destina unha cuarta parte das súas axudas a pequenas e medianas empresas dedicadas a agricultura e a gandaría”, apuntou o presidente; pero tamén con programas de subvencións anuais destinados a diferentes sectores do ámbito rural coma os produtores lácteos, as mancomunidades de montes ou as asociacións culturais e de artesanía da provincia.

Tamén novos programas como o Plan Único (POS+), que contempla un investimento histórico de 166 millóns de euros no bienio 2017-2018, beneficiarán especialmente aos municipios rurais da provincia, permitíndolles dotarse de máis e mellores infraestruturas, pero tamén deixando que servizos públicos esenciais como o alumeado, a atención social aos maiores ou as accións de igualdade dos concellos podan ser financiadas con cargo a este plan.


Desigualdade no ámbito rural 

Malia o papel decisivo das mulleres na economía rural, Formoso lembrou que “seguen a vivir unha situación de desigualdade e precariedade laboral”, pois só 6 de cada 10 cotizan nalgún sistema de protección social e os seus  salarios son un 30% máis baixos ca os dos homes. En canto á propiedade das explotacións, arredor do 35% das terras agrícolas galegas están en mans de mulleres. Unha cifra que, aínda que é claramente superior á media estatal, “segue a ser insuficiente” e “amosa que queda moito por avanzar”.

No mesmo sentido pronunciouse a presidenta de Fademur en Galicia, Rosa Arcos, que demandou que “a política chegue ao rural” en cuestión de mellora dos servizos públicos, pois éstes son imprescindibles para garantir que a poboación siga residindo e traballando nestas zonas, “pero tamén no ámbito da igualdade, pois se somos o 50% do traballo, temos que ser tamén o 50% na toma de decisións”, dixo en referencia á escasa representación feminina en postos directivos de cooperativas ou consellos reguladores.

Arcos sostivo que “o futuro do rural está nas mans das mulleres” e pediu un maior compromiso e implicación por parte das administracións competentes para visibilizar o traballo feminino e para fomentar cuestións como a formación e o emprendemento no medio rural.


Recoñecementos ás iniciativas das mulleres no rural

Ademáis de mesas redondas sobre cuestións de actualidade relacionadas co mundo do agro e a incidencia da actividade económica feminina, a xornada incluíu un acto de recoñecemento a algunhas das mellores iniciativas da provincia encabezadas por mulleres no ámbito rural. O primeiro deles foi para Olería Lista, un taller familiar de olería tradicional de Buño (Malpica) que naceu en 1979 e no que Isabel Corral Garrido desenvolve, xunto a Xosé Antonio Añón, unha liña que combina tradición e innovación nas súas creacións.

O segundo foi para o obradoiro de doces artesáns Mamá Teresa de Arzúa, unha iniciativa empresarial creada en 2014 por dúas mulleres, nai e filla, Teresa Rodríguez Rendo e Andrea González Rodríguez, que ensalza o valor da artesanía alimentaria. Tamén se recoñeceu o traballo de Raposo Cárnicos, unha empresa de produtos cárnicos e embutidos tradicionais de Dumbría nacida a partir da necesidade de diversificación dunha explotación familiar agraria debido ás longas crises de prezos do sector lácteo.

Finalmente, recoñeceuse tamén a traxectoria de compromiso co medio rural e a aposta pola igualdade de Rosa Gómez Limia. Rosa, perito mercantil e xornalista, é presidenta da Asociación Teenses pola Igualdade, unha iniciativa pioneira en Galicia ao incorporar homes na loita pola igualdade de xénero. Foi tenente alcalde  e concelleira do Concello de Mugardos e deputada no Parlamento de Galicia. 





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias