El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Más noticias

A totalidade da autovía do Morrazo estará finalizada no verán de 2019

29-09-2017 17:58:31
Ethel Vázquez supervisou as obras da autovía.

Moaña (Pontevedra).- A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, acompañada do delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, e o director da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), Francisco Menéndez, supervisou hoxe as obras da autovía do Morrazo, cuxa totalidade estará finalizada no verán de 2019 e os dous primeiros tramos xa entrarán en servizo na vindeira primavera.

Vázquez Mourelle subliñou que a Xunta segue avanzando na construción desta autovía que constitúe a infraestrutura de maior investimento autonómico que está a desenvolver o Goberno galego, con 11 km e 55,5 millóns de euros.

No treito I, entre Rande e Domaio, os traballos están avanzados en toda a traza, cun nivel de execución do 55%. Tamén as obras do treito II, entre Domaio e Meira, se están a executar a bo ritmo, realizadas xa en máis dun 40%, destacando os traballos no viaduto da Mo. No treito III, entre Meira e o primeiro enlace de Cangas, veñen de comezar os traballos, cun prazo de execución de 24 meses.


Peche ao tráfico

Por outra parte, a conselleira mantivo hoxe un encontro cos alcaldes de Moaña, de Cangas, de Bueu e de Vilaboa para abordar o próximo peche ao tráfico do Corredor do Morrazo, xa que inicialmente estaba previsto comezalo xa a principios de mes, pero posponse ata o 9 de outubro para facilitar os desprazamentos durante a celebración da feira Conxemar. O peche prolongarase ata o vindeiro mes de maio, data na que xa se abrirán ao tráfico os dous primeiros treitos con características de autovía.

Cómpre lembrar que no mes de xuño comunicóuselles aos alcaldes que os estudos técnicos realizados pola Xunta certificaban a viabilidade de ampliar o túnel de Montealegre. Ante esta nova posibilidade, en lugar de facer un segundo túnel para construír a autovía, Xunta e Concellos tomaron a decisión unánime de ampliar o túnel existente para salvagardar a totalidade do Castro de Montealegre.

Respecto aos traballos correspondentes ao treito III da autovía, que inicialmente suporían un corte total de tráfico dun mínimo de 2 meses, a conselleira explicoulle hoxe aos alcaldes unha solución alternativa para non retrasar a obra e, ao tempo, minimizar a afección ao tráfico. Esta solución consistirá nun desvío provisional na zona onde é preciso levar a cabo as voaduras, o que evitará un peche total ao tráfico no treito III do corredor.

Ethel Vázquez agradeceu de antemán a paciencia e a compresión dos veciños e dos usuarios da vía polas incomodidades e molestias que suporá este corte de tráfico no corredor. Neste sentido, salientou que se van poñer os medios necesarios para tratar de minimizar as consecuencias, co reforzo do transporte marítimo de ría, incrementando as frecuencias, e do servizo de ambulancia no Morrazo; ou adoptando outro tipo de medidas, como o reforzo da sinalización e da información aos cidadáns.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias