El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
María José Navarro
Sociedad

GALICIA | ENSINO

O curso comeza con aumento da provisionalidade, do profesorado interino e menos funcionarios de carreira

13-09-2017 14:33:40

Delegados da CIG-Ensino concentráronse hoxe diante da consellaría de Educación para denunciar que o curso escolar comezou cun aumento da provisionalidade, con máis profesorado  interino e con menos profesorado funcionario de carreira. Así o afirmou o secretario nacional, Suso Bermello, quen denunciou tamén o incremento do profesorado que ten que impartir materias que non son da súa especialidade.

Bermello explicou que unha vez comezado o curso escolar as denuncias que realizou a CIG-Ensino a semana pasada confirmáronse. Así denunciou o continuísmo das políticas de recorte de profesorado do PP que provocaron que se dispare o número de docentes que teñen que impartir materias das que non teñen a especialidade. 

A este respecto asegurou que “nos atopamos con auténticas aberracións, como profesorado de ámbitos lingüísticos que teñen que impartir materias propias do ámbito científico e viceversa e moito profesorado que ten que impartir ámbitos propios da formación profesional básica, cando non teñen legalmente a atribución docente para facelo”.


Profesorado itinerante

Xunto a isto alertou de que están disparando as cifras de profesorado que é itinerante, nomeadamente o de Orientación en ensino primario. Unha situación que, denunciou “se vén agravando ano tras ano, que todos os comezos de curso queremos poñer en evidencia e este tamén”. 

Bermello fixo especial fincapé na provisionalidade, porque “provoca unha situación moi complicada para o ensino galego e nomeadamente para o profesorado”. Neste sentido asegurou que esa inestabilidade nos postos de traballo se disparou desde a chegada de Núñez Feijóo, cun incremento que cualificou como “terrible” do profesorado interino. “Hoxe en día o 60% do profesorado que cada ano cambia de destino é interino. Cando Núñez Feijóo chegou ao goberno a porcentaxe de profesorado interino era do 5% e hoxe supera o 13%. Unhas cifras que hai que remediar canto antes”, afirmou.

Para o secretario nacional da CIG-Ensino “hai unha clara intencionalidade por parte da consellaría para que o profesorado non teña destino definitivo e siga en expectativa”porque esa inestabilidade nos postos de traballo “axúdalle á consellaría a provocar que cada vez haxa máis profesorado con materias afíns e, polo tanto a xogar con eses destinos”. Unha situación á que pediu “pór remedio canto antes” toda vez que hai profesorado que leva mesmo máis de dez anos sen destino definitivo sendo funcionario de carreira e outro que segue sendo interino despois de moitos anos sen que se convoquen as oposicións da súa especialidade.


Redución de postos de traballo

Bermello denunciou tamén que se pecharon este verán 69 aulas en Infantil e Primaria, o que supuxo un recorte de 100 postos  de traballo de profesorado que tiña destino definitivo. “Iso leva a que se aumente tamén o profesorado que é suprimido ou desprazado porque ten que pasar a ter un destino provisional”.

De feito asegurou que cada vez hai máis profesorado interino, en concreto un 6% máis que o ano pasado. Cifras que constatan, para o secretario nacional da CIG-Ensino “o aumento da provisionalidade, o aumento do profesorado interino e a redución do número de profesores/as que son funcionarios de carreira”. Departamento de comunicación





www.liderdiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias