El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Sociedad

ENSINO | ESTE VENRES

Comeza o curso en ESO, bacharelato e de ensinanzas de réxime especial

13-09-2017 13:06:30
Centro Liceo La Paz.

Un total de 146.962 estudantes comezarán este venres, 15 de setembro, as clases na educación secundaria obrigatoria (ESO), bacharelato, e ensinanzas de réxime especial (ensinanzas para adultos, artísticas e deportivas), segundo os datos provisionais recompilados polos servizos estatísticos da Consellería de Cultura e Educación. Cómpre lembrar que as cifras de matriculación non serán definitivas ata dentro dunhas semanas, dado que aínda nos últimos días se realizaron exames de recuperación en secundaria. De feito, neste total tampouco se contempla o alumnado de FP, ensinanzas nas que aínda é posible matricularse.


ESO

Segundo as estimacións e datos provisionais da Xunta de Galicia, 90.679 alumnos e alumnas comezarán o curso en ESO, o que supón un 1,4 % máis ca no curso 2016/17. Nesta etapa educativa o alumnado non nacionalizado español diminuíu un 8,3% respecto do curso anterior. 


Bacharelato ordinario

Por outra banda os mesmos datos provisionais que manexa a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, indican que 31.269 alumnos e alumnas comezarán o venres as clases de bacharelato ordinario en Galicia, o que supón un 0,4 % máis ca no curso 2016/17.


Ensinanzas de réxime especial

No que atinxe ás ensinanzas de réxime especial, en concreto no referido ás básicas, de secundaria e bacharelato para adultos e ao bacharelato semipresencial ou a distancia, segundo os datos provisionais o descenso do alumnado, ata os 13.496 estudantes, é do 3,8 % respecto do curso 2016/17. 

No caso das ensinanzas regradas de danza o número de matriculados é de 335, un 2,3 % menos ca no curso 2016/17; mentres que nas de arte dramática haberá 161 alumnas e alumnos, un 3,8 % máis ca no ano académico anterior.

Así mesmo o alumnado matriculado en ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño medra un 0,4 % ata chegar aos 674 estudantes. Por outra banda, nos estudos superiores de deseño haberá 640 matriculados, un 6,1% menos ca no curso anterior; mentres que nos estudos superiores de conservación e restauración de bens culturais haberá 81 alumnos, 3 máis ca no 2016/17. No caso das ensinanzas deportivas o incremento de alumnado é do 16,6 %, acadando os 844 alumnos.


Formación Profesional

No caso da Formación Profesional – non incluída nos devanditos 146.962 estudantes- a Consellería está aínda a pechar os datos de matriculación, que serán difundidos en datas próximas. Aínda así, a previsión inicial realizada polo departamento educativo da Xunta de Galicia é que – contando tanto os ciclos formativos en réxime ordinario e modular como a FP a distancia, a FP Dual e a nova FP Básica- o número de alumnas e alumnos sexa de arredor de 51.000. Ver gráficos





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias