El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Sociedad

NA DENOMINACIÓN DE ORIXE RÍAS BAIXAS

As previsións da vendima sitúanse entre os 35 e os 37 millóns de quilos de uva

04-09-2017 14:00:22

As previsións da vendima na Denominación de Orixe (DO) Rías Baixas son moi favorables e, segundo cálculos do seu Consello Regulador, agárdanse acadar entre 35 e 37 millóns de quilos de uva. Deste xeito, a colleita converteríase na segunda mellor da historia nesta zona de produción, a de maior capacidade das cinco DOs galegas.

Estes datos foron postos en valor hoxe na visita do vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e da conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, á adega As Laxas, situada no concello de Arbo, a onde acudiron para supervisar os traballos da vendima. Ambos salientaron ademais a dimensión da DO Rías Baixas como referente dos viños galegos –especialmente en brancos– e a súa vocación exportadora. Así mesmo, fixeron fincapé na calidade dos viños galegos e na importancia que ten a vendima no seu proceso de elaboración. Coincidiron, ademais, en destacar a relevancia da promoción destes produtos do agro galego para darlles unha axeitada proxección nos diferentes mercados.

Neste mesmo sentido, cómpre lembrar que esta denominación exporta arredor do 28% da súa produción, liderando a proxección internacional do sector, xa que máis do 81% das exportacións de viño galego certificado son de Rías Baixas. Os seus principais mercados exteriores son o americano, cun 50% do total exportado, destacando Estados Unidos, cun 38% do global.


As Laxas

Esta empresa foi constituída no ano 1989 e elabora viños brancos albariño monovarietal, Condado de Tea, mestura de variedades admitidas e espumosos a partir de viño base albariño. A súa produción anual sitúase arredor dos 600.000 litros, comercializados en preto de 800.000 botellas, fundamentalmente da marca “Laxas”, dispoñendo tamén das denominacións comerciais “Bágoa do Miño” e “Val do Sosego”. Exportan arredor do 35% da súa produción. Nesta visita á adega participou tamén a directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, e o alcalde de Arbo, Horacio Gil. 





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias