El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Más noticias

SILLEDA

A Xunta encargará o Plan director do Mosteiro de Carboeiro

24-08-2017 17:24:40

Silleda.- O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, visitou hoxe o Mosteiro de Carboeiro, na localidade pontevedresa de Silleda, onde anunciou que a Consellería que dirixe vai encargar antes de que remate o ano a redacción do Plan Director deste ben, unha folla de ruta que determina o estado de conservación do mesmo, a previsión de usos e as futuras actuacións, entre outros aspectos. O titular do departamento de Cultura da Xunta de Galicia explicou que, ademais deste plan, xa se está tramitando a redacción dun proxecto básico e de execución, por importe de 17.500 euros, para a execución de traballos de conservación do mosteiro.

Román Rodríguez explicou que estas accións se enmarcan no programa que está a preparar a Consellería, a través da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, para realizar mellorar nos bens de interese cultural vinculados coas distintas rutas de peregrinación que integran os Camiños de Santiago, como é o caso deste mosteiro silledense.

Durante a súa visita ao mosteiro o conselleiro estivo acompañado polo alcalde de Silleda, Manuel Cuiña; polo delegado da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís; e pola directora xeral do Patrimonio Cultural, María Carmen Martínez Insua.


Actuacións iniciais

Segundo explicou o conselleiro, a consellería está tramitando a contratación da redacción do proxecto básico e de execución dos traballos de conservación necesarios neste templo, ao abeiro do informe realizado pola Dirección Xeral do Patrimonio Cultural. Neste sentido, a intervención contemplaría a reparación de muros en mal estado, a limpeza da cuberta da igrexa e a reparación da correspondente á edificación que acolle o espazo de exposicións, a limpeza das fachadas, a reparación de humidades nas fiestras das torres, e a limpeza dos frescos da ábsida. Así mesmo, deseñaríase unha alternativa de subministro de enerxía eléctrica.

O investimento previsto para estas actuacións iniciais, a maiores dos 17.500 euros destinados á redacción do proxecto, ascendería aos 224.000 euros. Os traballos executaríanse en canto as posibilidades orzamentarias permitan poñer en marcha o devandito programa de posta en valor de BICs integrados nos camiños.



Plan director

No referido ao Plan director, o documento deberá resumir, reunir e extractar o estado do coñecemento que neste momento existe sobre o monumento; realizar un completo estudo sobre o seu estado de conservación elaborando unha diagnose completa e propoñendo as actuacións necesarias así como a súa orde de prioridades e urxencia. Tomando como base estes estudos, o plan deberá propoñer os estudos específicos que sexa necesario realizar e unha ordenación de usos existentes así como de novos usos, viables e compatibles cos valores do monumento, que incremente o seu interese e a satisfacción que da visita obtén o turista ou a persoa que se achega ao monumento.

O obxectivo é facer sostible a xestión do ben, así como facilitar o seu mantemento futuro e o do seu contorno máis inmediato. Neste momento os servizos técnicos da consellería están a redactar os correspondentes pregos de prescripcións técnicas que van servir de base para a futura contratación pública do Plan director, previsiblemente antes de que remate o ano.



Románico serodio

San Lourenzo de Carboeiro ten a consideración de Ben de Interese Cultural, coa categoría de Monumento, ao abeiro do Decreto de 3 de xuño de 1931 e do disposto na Lei 16/1985 do patrimonio histórico español e da Lei 5/2016 do patrimonio cultural de Galicia. Aínda que non existe unha data exacta da fundación do Mosteiro, teríase producido no século X, da man dos condes de Deza, Tareixa Eiriz e Gonzalo Betótez. O monumento debe o seu nome á actividade de elaboración de carbón vexetal que se desenvolvía na zona debido á espesa vexetación da contorna.

Esta abadía benedictina viviu o seu maior esplendor nos séculos XII e XIII, nos que se erixiron os elementos arquitectónicos máis salientables do mosteiro. O monumento é, non en balde, un dos exemplos do románico serodio, de transición ao gótico, máis destacables de Galicia. O seu estilo está, ademais, influenciado polo traballo desenvolvido polo Mestre Mateo na catedral de Santiago.

A partires do século XVI o mosteiro perde progresivamente a súa riqueza ata quedar relegado a priorado, sendo abandonado totalmente no 1836, no momento da desamortización de Mendizábal.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias