El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Economí­a

GALICIA

A Xunta favorece a mobilidade dos veciños do agro galego coa achega de 16 millóns de euros

21-08-2017 15:28:51

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, achegouse esta mañá xunto co director xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), Miguel Pérez Dubois, ata o concello de Irixoa para coñecer as obras que se levarán a cabo neste municipio coruñés a través do Plan marco de mellora de camiños municipais, que conta cun orzamento de 16 millóns de euros para as anualidades 2017-2018 en toda Galicia.

As actuacións en Irixoa consistirán na pavimentación do camiño de 1.275 metros de lonxitude que hai entre os Chaos e Vilar de Viña, na parroquia de Ambroa. O orzamento do proxecto é de algo máis de 59.600 euros e contará cunha axuda de Medio Rural de 49.273,62 euros. Desta forma, destacou a conselleira, mellorarase a calidade de vida dos habitantes das zonas rurais ao favorecer un axeitado acondicionamento da rede viaria principal, o que permite acercar servizos e facilitar a entrada e saída das producións rurais.

O Plan marco permite mellorar, ampliar e manter os camiños municipais das zonas rurais, quedando excluídos os perímetros urbanos, definidos como tales no planeamento urbanístico, das cidades da Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela, Vigo e Ferrol. As achegas do departamento que dirixe Ángeles Vázquez cobren o cen por cento dos gastos, agás o IVE, que correrá a conta dos concellos.

Aproveitando a súa estancia en Irixoa, a conselleira tamén supervisou as obras executadas ao abeiro do Plan de emerxencias 2016 e que consistiron no aglomerado do camiño O Cal-Escañoi, tamén na parroquia de Ambroa. O orzamento destas actuacións foi de preto de 60.000 euros. Neste senso, a Consellería do Medio Rural investiu o pasado ano en Galicia un total de 3,2 millóns de euros neste plan, que serve para pavimentar, afirmar e mellorar diferentes infraestruturas danadas por riadas e outros factores climatolóxicos adversos.


Enerxías renovables

No eido dunha mellora sustentable nos concellos do rural de Galicia, a Consellería do Medio Rural, a través tamén de Agader, financiou o proxecto de fotovoltaica illada na EDAR de Irixoa, que consistiu na colocación dunha placa solar na estación depuradora de augas para aforrar en custos de mantemento e produción. A achega por parte da Administración galega foi superior aos 49.000 euros.

Precisamente a consellería está estudando un novo proxecto de mellora da eficiencia enerxética nas instalacións do concello e no alumeado público do propio núcleo de Irixoa, no que se asenta a Casa Consistorial, mediante a colocación de placas solares. A iniciativa ten un orzamento total de 94.432,03 euros.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias