El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Sociedad

NUN LUSTRO

Educación multiplicou por dez o número de cursos de C1 nas escolas oficiais de idiomas

20-08-2017 14:12:35

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria multiplicou por 10 o número de cursos de nivel C1 no lustro no que levan funcionando. En concreto, para o curso 2017/18 ofértanse un total de 81 cursos, un incremento moi substancial respecto dos 8 que se puxeron a disposición da cidadanía no ano académico 2013/14.

Cómpre sinalar que o nivel C1, establecido no Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas (MCERL), está considerado como o dun usuario competente, que pode comprender unha ampla variedade de textos extensos e con certa esixencia, así como recoñecer os sentidos implícitos neles. Así mesmo, as persoas con este nivel saben expresarse de forma fluída na correspondente lingua estranxeira, facendo un uso efectivo e flexible desta; e poden construír textos de certa complexidade. O Marco Común é unha base común para a elaboración de programacións e avaliacións para o ensino das linguas, no que se describen as destrezas que cada estudante debe reunir para comunicarse nelas, así como os coñecementos que debe ter para facer un uso eficaz da lingua.


Idiomas e localidades

A lingua que conta con máis oferta de cursos en nivel C1 é o inglés, cun total de 50 para o curso 2017/18, seguido do galego (10), do francés e do portugués (9 en cada unha das linguas), do alemán (2) e do italiano (1). Tamén foi o inglés o que máis incrementou ao longo dos anos a oferta, pasando dos 7 cursos do primeiro ano de oferta aos 50 actuais; seguido do francés (de 2 a 9 cursos), o portugués (de 2 a 4) e o galego (de 7 a 10 cursos). Este é o primeiro ano que se ofrecen cursos de italiano e de alemán neste nivel, polo que non se pode facer balance destas linguas.

En canto ás localidades nas que se imparten, a oferta está moi descentralizada. Así, hai cursos deste nivel na EOI de Coruña e na súa sección de Carballo, na EOI de Ferrol, na de Santiago e na súa sección de Sar, na EOI de Lugo, na de Monforte, na de Ourense, na de Pontevedra, na de Ribadeo, na de Vigo e nas súas seccións de Coia e Tui; na de Vilagarcía e na sección de Burela (pertencente á EOI de Viveiro).


Acreditacións

Froito do desenvolvemento destes cursos das Escolas Oficiais de Idiomas, un total de 347 persoas puideron acreditar o nivel C1 no curso 2015/16. A maior parte delas, un total de 258, fíxoo en inglés, mentres que 64 o acreditaron en galego, 15 en francés e 10 en lingua española.


EDUlingüe

Estas cifras coinciden co desenvolvemento da estratexia do Goberno galego en prol da aprendizaxe de linguas por parte da cidadanía, tanto a través do ensino nos centros de ensino ordinarios – por medio dos centros plurilingües, seccións bilingües e auxiliares de conversa nativos – como do reforzo das propias Escolas Oficiais de Idiomas. Así mesmo, e no marco da Lei Valentín Paz-Andrade, a Consellería está a fortalecer o ensino da lingua portuguesa para reforzar os vínculos coa Lusofonía e as sinerxías que isto lle permite a Galicia.

Cómpre destacar, ademais, que a nova Estratexia Galega de Linguas Estranxeiras 2020, EDUlingüe, coa que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación de Universitaria busca dar un novo impulso, no cuantitativo e no cualitativo, ao modelo plurilingüe busca reforzar tamén o papel que xogan as Escolas Oficiais de Idiomas (EOI), tanto na formación en linguas do alumnado como do profesorado. Co fin de potenciar o seu traballo, ampliarase a rede de seccións e a oferta formativa nos niveis C, especialmente en inglés, francés e portugués. 





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias