El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Sociedad

EN SETEMBRO

Máis de 200 alfombristas de todo o mundo reuniranse na praza do Obradoiro nun acto pola paz

20-08-2017 14:05:31

Galicia acollerá no mes de setembro o encontro de 200 alfombristas de todo o mundo, que se citarán na praza do Obradoiro na iniciativa Alfombras no Camiño de Santiago, arte efémero para a paz no mundo, impulsada por Turismo de Galicia xunto a Comisión Internacional de Alfombristas de Arte Efémero, a Federació Catalana d’Entitats Catifaires e a Coordinadora de Alfombristas Galegos.

A cita contará coa presenza de grupos de alfombristas de tres continentes (Italia, México, Xapón, Portugal ou Alemaña, ademais de España), con representantes de Asturias, Canarias, Castela-A Mancha, Castela e León e Cataluña. Completan a lista de especialistas nestas labores artesáns das catro provincias galegas, en concreto de Bueu, Burela, Cangas, Marín, Ponteareas, Redondela, Rianxo e Ribadavia. Unidos confeccionarán unha gran manifestación artística na meta da peregrinación xacobea, con 20 alfombras que compoñerán unha vieira.

O encontro comezará o venres 1 e rematará o domingo 3, cando terá lugar un acto pola paz coa presenza de diferentes autoridades, unha vez efectuadas as alfombras. O día anterior pola tarde, os cidadáns poderán observar de preto como constrúen os seus deseños con flores e outros elementos naturais. Os alfombristas realizarán previamente o último tramo do Camiño de Santiago como parte dunha peregrinación na que pretenden compartir a súa experiencia e os seus valores e enviar unha mensaxe en favor da concordia no mundo.


Tradición arraigada en Galicia

As agrupacións participantes, ademais das galegas, proceden de concellos como A Orotava, Carrión dos Condes, Elche da Serra ou Castropol. Os alfombristas chegados do estranxeiro recalarán en Galicia desde Fucecchio e Sicilia (Italia), Txacala e Guanajuato (México), Tokyo (Xapón), Monçao (Portugal) ou Karlsdorf (Alemania). Trátase de lugares onde a tradición das alfombras florais está moi arraigada, como ocorre en Galicia, onde varias celebracións deste tipo contan coa declaración de festa de interese turístico. No caso de Ponteareas, alcánzase a distinción de Interese Turístico Internacional e xa anteriormente realizaron alfombras na capital galega con motivo de visitas papais. De feito, tamén acudiron ao Vaticano. Pola súa banda, Ares, Bueu e Redondela contan coa declaración de Interese Turístico de Galicia.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias