El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
Economí­a

EN GALICIA

O número de solicitudes presentadas no rexistro de vivendas de uso turístico supera xa as 4.200

15-08-2017 21:38:42

O número de vivendas de uso turístico cuxos propietarios presentaron xa a súa solicitude para operar en Galicia avanza a bo ritmo. Desde que o novo decreto que regula este tipo de aloxamentos entrara en vigor, no mes de maio, a cifra non deixou de medrar e a día de hoxe se contabilizan máis de 4.200 peticións.

Este bo dato evidencia que o novo decreto está a fortalecer e incrementar a oferta gracias ao marco de seguridade xurídica que ofrece, tanto para os particulares como para o sector turístico da Comunidade en xeral, para poder exercer a competencia nese contexto.

Por provincias, Pontevedra é o territorio onde máis solicitudes foron presentadas ata a data, cando supera as 2.250. Na Coruña, pola súa banda, a cifra de peticións formuladas neste rexistro roza as 1.360. Séguenlle Lugo con preto de 540 e Ourense, con ao redor de 80.


Flexible e de sinxela aplicación

O decreto de vivendas de uso turístico supón unha resposta á realidade actual e tamén unha oportunidade para quen, ben como propietario ou como inquilino, aposta por este tipo de aluguer turístico. Neste sentido, a Xunta optou por un modelo flexible e de moi sinxela aplicación á hora de poder regular estas vivendas. En comparación con outras comunidades autónomas é, de feito, un dos decretos menos restritivos. A súa redacción realizouse da man do sector, recollendo as súas inquedanzas, para así elaborar un decreto consensuado.

A súa continuidade foi confirmada o pasado mes de xullo polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, ao desestimar na súa totalidade a solicitude de suspensión cautelar reclamada por unha asociación. No auto emitido entón, o máximo órgano xudicial da Comunidade sinalou que o decreto de vivendas de uso turístico non limita nin restrinxe a competencia, senón que pon en orde a oferta nun ámbito relevante, incrementando a seguridade de que os ofertantes se acomoden a unhas mesmas esixencias e a garantía para os consumidores.

As vivendas de uso turístico, tal e como indica o citado decreto, son as cedidas a terceiras persoas dúas o máis veces ao ano, a cambio dunha contraprestación económica, para unha estancia inferior a 30 días. A regulación determina que a cesión debe ser pola totalidade e a comercialización pode realizala os seus propietarios ou empresas turísticas reguladas.

Para comezar a operar, só é preciso presentar unha Declaración Responsable de Inicio de Actividade. Deberase cubrir o modelo normalizado, dispoñible na páxina web de Turismo de Galicia, así como o xustificante de pago das taxas de clasificación turística de 56,82 euros. 





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias