El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
Más noticias

Once concellos da provincia da Coruña reciben 4,8 millóns de euros da Xunta e fomento

08-08-2017 18:31:52

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, deu a coñecer hoxe as axudas que se lle veñen de conceder aos diferentes concellos da provincia que solicitaron a súa inclusión no programa de Áreas de Rehabilitación Integral, cofinanciado polo Ministerio de Fomento e a Consellería de Infraestruturas e Vivenda da Xunta de Galicia. En concreto, na provincia da Coruña concedéronse axudas para 18 áreas de 11 concellos por un total de algo máis de 4,8 millóns de euros. Desta cantidade, 3,4 millóns son a cargo de ministerio e preto de 1,4 millóns corresponden ao financiamento directo do Goberno galego. 

A Coruña recibe 1.042.000 euros, dos que preto de 300.000 proceden da parte que lle corresponde á Xunta de Galicia. As dúas áreas para as que se conceden axudas son a cuarta fase do barrio dos Mariñeiros e a primeira fase de Elviña. O Concello coruñés pedira tamén a inclusión na liña se axudas da cuarta fase das vivendas de Santa Cristina (Palavea) e do Casco Histórico (Cidade Vella e Peixería), pero nestes dous casos non se chegou á fase de valoración xa que so se contemplaban actuacións de urbanización, e esas intervencións deben ir acompañadas de outras de rehabilitación, que nestes dous casos son se daban.

Con todo, o Concello ten a potestade de repartir a cantidade asignada entre as catro áreas solicitadas, axuntándose aos límites que establecen tanto o Real Decreto como a Orde, tende en conta que esas actuacións deben contemplar de forma conxunta sempre urbanización con rehabilitación. Rodeiro lamentou que a cidade da Coruña non obteña máis cartos por formular mal a solicitude.

O Concello de Ferrol recibe máis de 1,4 millóns de euros, dos que preto de 417.000 proceden da parte que lle corresponde á Xunta de Galicia. As catro áreas para as que se conceden axudas son os barrios históricos da Magdalena e Ferrol Vello, A Graña, Esteiro Vello e Recimil. Santiago de Compostela recibe máis de 1,4 millóns de euros, dos que preto de 417.000 proceden da parte que lle corresponde á Xunta de Galicia. As catro áreas para as que se conceden axudas son o casco histórico da cidade, o grupo de vivendas “Compostela e Cardenal Quiroga Palacios”, no barrio de Pontepedriña, o polígono residencial de Vista Alegre, e o barrio de Vite.

As outras áreas que recibirán fondos da Xunta e o Ministerio de Fomento son os cascos históricos de Betanzos, Corcubión, Neda, Noia, Muros, Padrón, os núcleos de Mugardos e O Seixo, e os lugares de Rianxo, Rianxiño e A Fincheira.

Unha vez comunicada a información aos concellos, estes teñen un prazo de dez días para presentar a documentación correspondente, que inclúe a detalle das actuacións que van a realizar. Ovidio Rodeiro destacou a forte aposta da Xunta de Galicia pola recuperación de zonas en avanzado deterioro. “Estas achegas son un exemplo máis do compromiso do Goberno galego coa rehabilitación dos cascos históricos e das zonas onde se require a actuación inmediata das administracións”, subliñou o delegado territorial.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias