El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Más noticias

LALÍN

Román Rodríguez anuncia a restauración das pinturas atopadas na Igrexa de Palio

24-06-2017 13:41:55

Lalín.- O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, anunciou hoxe que o seu departamento ten previsto comezar no vindeiro ano 2018 as obras da segunda fase da restauración da igrexa de Santa Baia de Palio (Lalín). Fíxoo durante a visita a este templo, onde se vén de rematar unha intervención de mellora xeral, centrada na renovación da cuberta. Segundo explicou o conselleiro, durante esta primeira fase de restauración - na que se investiron un total de 126.854,51 euros- descubríronse unhas pinturas murais de considerable valor cultural no muro este do presbiterio. Este achádego, xunto coa probabilidade de que aparezan máis baixo as revocaduras existentes na nave, é o motivo polo que a Consellería considerou acometer unha segunda fase de melloras.

A nova intervención, que suporía un investimento de en torno a 93.000 euros, incluiría a renovación da estrutura de madeira do coro, a limpeza dos paramentos interiores, a finalización da instalación eléctrica e a preinstalación de fontanería e telecomunicacións; ademais da devandita restauración das pinturas.

En canto á obra xa rematada, dirixida polo arquitecto Luís Fernández Fernández, consistiu na consolidación e restauración dos muros da igrexa e na construción dunha nova cuberta. Así mesmo, saneáronse os desperfectos ocasionados pola entrada da auga a través da reposición de carpinterías, colocación da preinstalación eléctrica e dotación de mobiliario mínimo. Ademais, saneouse o adro. Os traballos foron executados pola empresa Rehabita Gestión Integral de Rehabilitación y Restauración S.L.

Durante a súa visita ao templo, o conselleiro estivo acompañado pola directora xeral do Patrimonio Cultural, María Carmen Martínez Insua; polo alcalde de Lalín, Rafael Cuiña; polo portavoz do PP, Xosé Crespo; así como por outros representantes políticos e culturais do concello.



Gran interese histórico

A igrexa de Palio é un templo de pequenas dimensións, pero de considerable interese histórico, cuxa orixe se podería remontar ao século XI ou XII. As súas características formais e construtivas son as dos templos románicos rurais tendo, ademais, unha estrutura de cuberta de madeira moi elaborada. A maiores, conserva pinturas murais sobre recebo de cal.

Máis de 220.000 euros en conservación do patrimonio lalinensePor outro lado, cómpre lembrar outras actuacións en materia de patrimonio cultural que se levaron a cabo o ano pasado, tales como os traballos na mámoa nº 1 da Cruz en Alperiz e a renovación da cuberta da igrexa de San Lourenzo de Vilatuxe.

En concreto, a Consellería investiu máis de 220.000 euros no concello de Lalín co obxectivo de restaurar e conservar os bens patrimoniais da zona. Tamén na comarca de Deza se realizou outra intervención de mantemento e conservación do patrimonio cultural, concretamente en Ponte Ledesma, entre o concello coruñés de Boqueixón e o pontevedrés de Vila de Cruces, na cal se investiron en torno a 60.000 euros.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias