El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
Sociedad

PARA A COPRODUCIÓN AUDIOVISUAL

A Xunta e o Instituto do Cine Arxentino asinan un acordo

23-06-2017 13:28:06
Sinatura do documento.

Conecta Fiction, primeira feira dedicada a impulsar a coprodución de series de televisión entre Europa, Latinoamérica e os Estados Unidos de fala hispana, rematou na Cidade da Cultura coa firma dun memorándum de entendemento entre Galicia e Arxentina para promover de xeito conxunto a creación audiovisual.

Este é un dos principais acordos institucionais acadados estes días, entre os moitos que foron pechando as empresas privadas e as entidades públicas que están a participar no encontro televisivo que reuniu preto de 400 acreditados procedentes de 20 países.

Coa sinatura do documento, o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, e o presidente do Instituto Nacional de Cine y Artes Audiovisuales de Argentina (INCAA), Ralph Douglas Haiek, estableceron impulsar a produción de longametraxes cinematográficas e series de televisión entre ambos os dous territorios. No texto incídese na importancia desta colaboración, vistos os lazos históricos e culturais que nos unen. Saliéntase tamén a capacidade dos audiovisuais galego e arxentino de achegar bos profesionais e ficcións de calidade dende as dúas beiras do Atlántico.

En termos concretos, isto tradúcese na creación dunha coordinadora con representantes das dúas institucións, que deseñará e redactará convocatorias públicas de axudas ao desenvolvemento e á coprodución. O obxectivo é obter obras de calidade que reúnan elementos culturais dos dous territorios e favorezan o intercambio de talento técnico e artístico.


Premio á galega Ficción Producciones

Mais a feira pechou con outros resultados directos. Na noite de onte déronse a coñecer os premios que Movistar+ e RTVE conceden a proxectos de serie, a través dos cales se comprometen a dotar ás produtoras escollidas dos recursos necesarios para desenvolver as ficcións seleccionadas e levalas despois á pequena pantalla.

A galega Una casa en Amargura, de Ficción Producciones, obtivo o respaldo económico de RTVE tras ser seleccionada polo ente como a obra merecedora do galardón. A serie ambiéntase na convulsa Cuba de 1850, onde unha escrava busca as súas fillas e unha moza burguesa procura a súa liberdade.

O medio público decidiu tamén premiar Madre en apuros. Trátase dunha comedia de situación, en palabras das súas creadoras Maribel Vitar e Cristina Pons, “cun humor fedello e directo” que retrata “aquilo que ninguén se atreveu a contar sobre a maternidade por medo a que a especie se extinguira”. Co tirón do concepto de “malas madres”, tan popular e estendido no feminismo actual, a serie pretende visibilizar dificultades do día a día da muller cunha perspectiva fresca.

Finalmente, o premio de Movistar+ foi para Amor en tiempos de Tinder, da portorriqueña Belle Films, que será parcialmente rodada en Galicia. O relato sitúanos na vida de Yuliana, unha moza produtora casada co seu traballo á que lle diagnostican un pre-cancro no útero e sabe que só conta cun par de anos máis para ter fillos, de desexalos. Nun retiro espiritual en Galicia, comeza a quedar a través da aplicación Tinder con posibles futuros pais da súa descendencia, mais como din na produtora, “nin entre os riquiños galegos é doado atopar o amor”.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias