El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
Sociedad

A Xunta abre o mércores Conecta Fiction

20-06-2017 23:56:22

A Xunta de Galicia desenvolve a partir de mañá e ata o venres na Cidade da Cultura e noutros espazos de Santiago as actividades de Conecta Fiction, primeiro evento internacional dedicado á coprodución de series televisivas entre Europa, Latinoamérica e os Estados Unidos de fala hispana.

O principal obxectivo da feira é conseguir que as empresas que a visitan poidan aumentar as súas posibilidades de negocio a través da coprodución internacional. Así, hai unha axenda de actividades e encontros profesionais moi diversa, onde o talento audiovisual galego ten unha presenza moi destacada.

Organizado a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, o ICEX España Exportación e Inversiones e a Fundación SGAE e producido por Inside Content, o evento reúne 35 canles internacionais que contan cun gran volume de transacción, como HBO ou Netflix, e máis de 350 profesionais acreditados.


Galicia como plató de rodaxe

Dentro deste marco, e despois da inauguración oficial a cargo do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, a Televisión de Galicia e o Clúster Audiovisual Galego fan mañá unha presentación na que mostrarán a campaña Consuma audiovisual galego. O seu obxectivo é dar a coñecer o talento dos profesionais das series en Galicia, así como a variedade e calidade dos recursos dos que dispón a Comunidade como plató de rodaxe. Cada ano xa se filman en Galicia 10 series ou miniseries de televisión, nas que se usan localizacións, equipos técnicos e actores galegos, tanto en produtos televisivos de alcance estatal como noutras con proxección internacional.

Unha das produtoras galegas de televisión máis activas, Ficción Producciones, presentará tamén na primeira xornada de Conecta Fiction, dentro dunhas sesións exclusivas para profesionais, o seu novo proxecto Una casa en Amargura. A serie ambiéntase na convulsa Cuba de 1850, onde unha escrava busca as súas fillas e unha moza burguesa procura a súa liberdade. A historia convenceu a un xurado internacional de expertos, que a seleccionou como unha das 10 finalistas entre proxectos chegados de todo o mundo para participar nestas sesións. O gañador asinará un contrato con Movistar+ ou con RTVE para desenvolver a serie.

Outras produtoras galegas, entre as moitas que están acreditadas, que presentarán aquí os seus proxectos procurando atopar novos socios para os mesmos e aumentar así as súas posibilidades de negocio, son Portocabo e Vaca Films. Os primeiros son os responsables de Vidago Palace, coprodución internacional con Portugal de gran éxito de público. Pola súa banda, Vaca Films conta cunha longa traxectoria en cine, con El desconocidoou El niño como títulos recentes que tiveron unha elevada recadación. A revelación dos seus novos proxectos na feira espérase con moita expectación.


A translación dun best-seller a imaxes

Alén da participación galega en Conecta Fiction, a axenda de mañá ofrece contidos moi diversos. Destacan a presentación da serie La catedral del mare a demostración por parte de Sociograph do seu modelo de neuromarketing. A ficción que está a preparar Atresmedia é a adaptación da novela éxito de vendas escrita por Ildefonso Falcones. Situada no século XIV, cando Barcelona vivía unha época dourada baixo a Coroa de Aragón, narra as peripecias dun rapaz que medra na cidade ao tempo que se constrúe a catedral de Santa María del Mar.

Pola súa banda, Sociograph pretende facer unha demostración en directo da súa metodoloxía. Esta analiza minuciosamente os impulsos dunha mostra de audiencia ante un produto audiovisual, de tal xeito que logra extraer datos que permiten aplicar os cambios pertinentes na obra para que sexa do gusto da maior porcentaxe do público posible. Desenvolvido por un equipa da Universidad de Salamanca, o sistema probouse para importantes marcas cun cento por cento de efectividade nos ensaios efectuados ata o momento.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias