El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
Más noticias

DEPUTACIÓN DA CORUÑA

Máis de cen proxeccións de cinema galego nos concellos da provincia da Coruña

15-06-2017 18:41:55

O filme de animación Maimiño e o espello máxicoé o máis solicitado polos concellos dentro do novo programa Visións da Rede Cultural da Deputación da Coruña. Máis de cen proxeccións distribuirán o cinema galego polos concellos. Das 189 películas solicitadas polos concellos dentro do novo programa Visións da Rede Cultural da Deputación, un total de 104 son de produción propia galega, superando a metade das solicitudes que marcaban as bases da convocatoria. Maimiño e o espello máxico, a produción de animación galego-cubana dirixida por Ernesto Padrón e que contou coa música de Silvia Rodríguez, Uxía e Xoán Curiel alcanzará nos próximos meses máis de vinte proxeccións en distintos concellos, tres anos despois da súa estrea. A seguir, A praia dos afogados de Gerardo Herrero, adaptación da novela de Domingo Villar, que chegou en 2015 a vinte salas comerciais galegas verase en dezaseis concellos grazas ao novo programa da Deputación da Coruña. 

O apóstolo con 8 proxeccións, A Esmorga con 5, ou Contando a Carlos Casarescon 7 son algúns dos filmes que integran a listaxe de solicitudes dos concellos que formarán parte das súas programacións culturais. 

Ademais das solicitudes da produción galego-cubana, a animación infantil na nosa lingua continúa a ser demandada segundo as propostas da Rede Cultural e así películas como O bosque animado chegarán a Cambre, Sada, San Sadurniño ou Vimianzo mentres O soño dunha noite de San Xoán irá a Carnota, Vimianzo e Fisterra e veremos A tropa de trapo por San Sadurniño, Vimianzo ou Carnota. 

A listaxe inclúe tamén títulos premiados do Novo Cine Galego como Mimosas de Oliver Laxe ou Costa da Morte de Lois Patiño e documentais como Frankestein 04155 de Aitor Rei ou Esquece Monelos de Ángeles Huerta.


Apoio ao audiovisual galego

“O obxectivo do programa era contribuír á distribución do cinema galego en destinos aos que tiña dificultade para chegar e iso conseguiuse nesta primeira edición mais seguiremos afondando en novas convocatorias xa que o programa Visións responde á filosofía da Rede Cultural de achegar propostas de calidade e tamén ao interese por promocionar e buscar público para as producións galegas”, explica a vicepresidenta e responsábel da área de Cultura da Deputación da Coruña. 

Goretti Sanmartín explicou que “o apoio ao audiovisual galego, e dentro deste ao que se fai en lingua galega, está a ser unha liña estratéxica no traballo da área de Cultura da Deputación da Coruña”.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias