El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Sociedad

A Cidade da Cultura presenta o seu programa de verán

14-06-2017 22:24:08

Máis de 50.000 persoas pasarán durante os meses de xullo e agosto pola Cidade da Cultura de Galicia para participar en ‘Verán no Gaiás’, o programa cultural e de lecer previsto para este período estival. Ciclos xa clásicos como ‘Atardecer no Gaiás’, ‘Cidade Imaxinaria’, as ‘Visitas Astronómicas’ ou ‘Camiño ao Gaiás’ combinaranse con novas actividades como ‘Unha noite no bosque’, na que os máis pequenos poderán gozar da natureza acampando nos espazos verdes do Gaiás.

O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, foi o encargado de presentar hoxe a programación de ‘Verán no Gaiás’, unhas 50 actividades que combinan cultura, lecer e natureza. Nun acto no que tamén participaron a directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez Reboredo; e a directora de Acción Cultural, María Pereira; así como dos responsables dos diferentes ciclos que integran a programación, Anxo Lorenzo salientou a sintonía desta nova programación con diferentes obxectivos que persegue a actividade da Cidade da Cultura, entre eles, estimular o gusto da sociedade polas artes nun sentido amplo, ofrecer unha gran diversidade de xéneros e estilos, favorecer a aproximación á natureza e un maior coñecemento do medio ambiente, e continuar impulsando as industrias culturais de Galicia, coa programación de artistas, bandas e compañías galegas.

A rolda de prensa tivo lugar no Parque do Lago, unha das novas zonas verdes da Cidade da Cultura, e contou cunha actuación en directo da banda galega Triángulo de Amor Bizarro, que serán os encargados de pechar a sétima edición do ciclo de concertos ao aire libre ‘Atardecer no Gaiás’.


Música ao caer o sol

A programación de ‘Verán no Gaiás’ arrancará oficialmente o 6 de xullo coa primeira das actuacións de ‘Atardecer no Gaiás’, ciclo de concertos ao aire libre que terán lugar os xoves, venres e sábados ata o 26 de agosto. A sétima edición de ‘Atardecer no Gaiás’ contará cun bo número de bandas galegas: de Malandrómeda, que abrirá o ciclo, a Triángulo de Amor Bizarro, encargado de pechalo, pasando por Familia Caamagno, Terbutalina ou Boyanka Kostova. O cartel completarase cun abanico de artistas nacionais e internacionais entre os que destacan nomes como Manel, C. Tangana, Carla Morrison ou Hidrogenesse.

O 6 de xullo comezará outro dos clásicos de ‘Verán no Gaiás’: o ‘Camiño ao Gaiás’, que terá lugar todos os xoves de xullo e agosto. Da man da Fundación USC Deportiva, ‘Camiño ao Gaiás’ non só descubrirá novas rutas de subida á Cidade da Cultura, senón que fomentará os hábitos de vida saudables e o coñecemento do noso patrimonio tamén en sesión nocturna. E tamén de noite, pero os sábados, terán lugar as tan demandadas ‘Visitas Astronómicas’ da man do Observatorio Astronómico Ramón María Aller. Os imprescindibles do verán complétanse con ‘Cidade Imaxinaria’, o festival pensado para toda a familia que neste 2017 terá lugar o 19 de agosto.

Música e natureza centran as novidades deste ano. Os espazos verdes serán protagonistas de ‘Unha noite no bosque’, nas que os máis cativos pasarán unha noite de acampada no Bosque de Galicia tras unha xornada dedicada a coñecer a flora, a fauna e a importancia do patrimonio ambiental. E do bosque á praza central, onde terán lugar dúas citas musicais ineludibles: o ‘II Festival de Bandas Infantís e Xuvenís e de Galicia’, que reunirá o 9 de xullo preto de 500 músicos de toda Galicia; e a ‘Final da Liga Galega de Bandas de Gaitas’, o 29 de xullo.

A arte contemporánea tamén terá o seu oco neste ‘Verán no Gaiás’, coa celebración do 27 ao 31 de agosto dunha nova edición do ‘Encontro de Artistas Novos’. Un total de 40 creadores emerxentes presentarán as súas propostas en diálogo constante con artistas consolidados como Xosé Artiaga, María Cañas e Berta Álvarez Cáccamo. Neste marco, as Torres Hejduk acollerán unha nova intervención artística: ‘A través dun horizonte sen corpo’ de Fredy Solano.

A programación da Cidade da Cultura para este verán complétase cunha importante oferta expositiva coas mostras ‘Da árbore á cadeira’, que convida a realizar unha viaxe emocional dos bosques ao deseño contemporáneo; ‘Flor Novoneyra’, o testamento pictórico de Antón Lamazares; ‘Balnearia bibliográfica’, un percorrido polas augas minerais e termais de Galicia; ‘Vicente Álvarez de Neira, arquiveiro’, coa que descubrir a figura do primeiro arquiveiro do Arquivo Xeral e Público de Galicia; e ‘A liña Hejduk’ de Irma Álvarez Laviada, na que se desvela a terceira torre do Gaiás.

Finalmente, a Cidade da Cultura ofrece este verán a oportunidade de descubrir o complexo deseñado por Peter Eisenman nunhas visitas arquitectónicas de balde que terán lugar de martes a domingo nos meses de xullo e agosto. Será ás 11 horas en galego e ás 12 en inglés e non é preciso reservar praza.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias