El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Sociedad

Ángeles Vázquez: "A agricultura ecolóxica en Galicia ten un gran futuro"

10-06-2017 22:32:11
Ángeles Vázquez, en Silleda.

Silleda.- A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, acompañada do vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, asinou esta mañá en Silleda un acordo de colaboración con Carrefour e o Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) para promocionar os produtos ecolóxicos de calidade, onde destacou o peso deste eido no agro galego, tanto polo súa magnitude económica, como pola súa transcendencia social, ambiental e cultural.

A titular de Medio Rural reafirmou a aposta da Xunta por impulsar este tipo de producións, que cada vez teñen máis consumidores. Neste senso, con este convenio marco preténdese fomentar a agricultura e gandaría ecolóxica certificada, levando a cabo actuacións de dinamización do mercado interno e promover o consumo destes alimentos. Tamén se pretende, matizou a conselleira, fomentar a diferenciación das producións e empresas ecolóxicas que apostan por valores sociais e ambientais.

O acordo, que ten unha vixencia dun ano e pode ser prorrogable outro máis, tamén permitirá desenvolver actuacións e servizos de información, asesoramento e formación que contribúan ao desenvolvemento da capacidade profesional e empresarial do sector. Así, posibilítase a organización de cursos, seminarios, xornadas e conferencias que teñan como fin único promocionar e difundir os produtos ecolóxicos entre a poboación.

Nesa aposta pola agricultura ecolóxica, Ángeles Vázquez subliñou que o seu departamento destinará 4,3 millóns de euros nos próximos anos para fomentar a súa práctica. O obxectivo é pasar das 27.000 hectáreas que hai agora mesmo ás 35.000, xa que tanto a superficie inscrita como os operadores foron incrementándose nos últimos tempos.

A conselleira tamén aproveitou para destacar o plan estratéxico específico que está a impulsar a Xunta de acordo co Craega. Este documento servirá para analizar a situación e perspectivas deste eido, así como para deseñar as liñas fundamentais de fomento e promoción desta actividade cara o futuro.


Datos agricultura ecolóxica

Segundo o último balance presentado polo Craega, a superficie total certificada no último ano aumentou case un 36,5% e o volume de negocio creceu por riba do 25%, chegando ata os 41,7 millóns de euros. Os ingresos xerados pola agricultura ecolóxica multiplicáronse por 140 desde o 1999, ano no que apenas se chegou aos 290.000 euros.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias