El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
Más noticias

FERROL

Un centenar de especialistas en uroloxía reúnense en Ferrol

19-05-2017 22:41:40
XXVII Congreso da Sociedade Galega de Uroloxía.

Ferrol.- Un centenar de especialistas en Uroloxía de toda Galicia reúnense hoxe e mañá en Afundación, en Ferrol, no XXVII Congreso anual da Sociedade Galega de Uroloxía, recoñecido de interese sanitario. Como indica Andrés Rodríguez Alonso, responsable de Uroloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol, e presidente do Comité organizador deste encontro galego, trátanse as últimas novidades e temas, tanto novas incorporacións, como aqueles que requiren unha revisión constante. Ademais, participan como relatores tanto profesionais galegos como doutras comunidades autónomas que teñen moito que aportar en cada un dos grandes ámbitos que se expoñen.No acto inaugural, estiveron presentes o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña; e o responsable da Xerencia Integrada de Ferrol, Ángel Facio Villanueva.Preséntanse un total de 59 comunicacións entre vídeos, póster, e comunicacións orais. A participación dos profesionais da Xerencia Integrada de Ferrol é moi elevada xa que presentaron 14 comunicacións en tódolos formatos do total das 59. As comunicacións da área sanitaria ferrolá tratan sobre todo do tratamento dos tumores urolóxicos; da abordaxe minimamente invasiva na hiperplasia benigna de próstata; e da experiencia desta área no tratamento cirúrxico do prolapso do chan pélvico na muller, xa que “o Complexo Universitario ferrolá é dos centros de Galicia con maior experiencia no tratamento por laparoscopia deste prolapso”, indica o especialista Andrés Rodríguez.Cancro e rehabilitación multimodalOs temas centrais da sesión de hoxe son o cancro de ril e próstata; a rehabilitación multimodal, no caso do cancro de vexiga; e os traumatismos xenito-urinarios. A conferencia desta mañá contaba con Ferrán Algaba Arrea, da Fundación Puigvert de Barcelona, que afondaba na nova clasificación internacional do cancro de próstata, e as implicacións clínicas das diversas estirpes histolóxicas, tipos, de cancro de ril.Os prognósticos relativos a esta cancro divídense agora en 5 graos, fronte ós 10 que existían antes. Non tódolos cancros son igual de agresivos nin responden igual ós diferentes tratamentos aplicados. A identificación deste tipo histolóxico do tumor de ril ten, polo tanto, moita importancia no prognóstico e no tratamento que se pode aplicar a cada un dos pacientes, de xeito, máis individualizado e concreto. Por outra banda, os traumatismos xenito-urinarios son pouco frecuentes, e aténdense fundamentalmente no ámbito das urxencias, pero, precisamente por seren pouco frecuentes, requiren dunha constante actualización e de coñecer as tendencias para os seus tratamentos.Na segunda conferencia da xornada de hoxe, trátase a rehabilitación multimodal, o que se coñece como Cistectomía Fast-Trak, na abordaxe do cancro de vexiga. Refírese a unha serie de cambios no manexo, tanto, preoperatorio e postoperatorio, como durante a operación, en pacientes ós que é necesario extirparlles a vexiga, e que é substituída por un segmento do intestino. Esta intervención realízase xa no Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol de forma clásica, pero estase a valorar xa a incorporación desta nova forma de abordaxe.{strong}{/strong}Hiperplasia benigna de próstataNa xornada de mañá, un dos grandes protagonistas será o tratamento minimamente invasivo da hiperplasia benigna de próstata, en próstatas de elevado volume. Compáranse dúas técnicas nun debate cara a cara, igual de efectivas pero cada unha coas súas peculiaridades, a adenomectomía laparoscópica, e a enucleación con láser holmiun. Os resultados son semellantes, e cada un dos relatores enfatizará as vantaxes de cada unha delas. Na área sanitaria ferrolá, realízase dende hai máis de cinco anos xa a adenomectomía laparocópica, de feito “somos un dos centros de Galicia con maior experiencia neste ámbito”, explica Andrés Rodríguez. Os resultados son bos con grande melloría das síntomas miccionais, mínima agresividade e incisión, escaso sangrado, e reducida estancia hospitalaria, o que supón unha mellor recuperación para o paciente.Na área sanitaria ferrolá, está cuberta a cirurxía da hiperplasia benigna de próstata cos últimos adiantos, a citada, adenomectomía laparoscópica para próstatas de elevado volume, de máis de 70 gramos, e o láser verde para próstatas máis pequenas que se incorporaba o ano pasado ó Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol.Outra das cuestións clave de mañá será o tratamento do cancro do aparato urinario no paciente ancián. Trataranse as indicacións e limitacións dos procedementos cirúrxicos no cancro de ril, próstata, e vexiga. Este é un tema de interese crecente, xa que o aumento da esperanza de vida e o envellecemento da poboación fan que cada vez se diagnostiquen máis tumores do aparello urinario, que se presentan asociados, entre outras cousas, á idade. “Ten cambiado moito o xeito de afrontar a estes pacientes, e agora pode ser candidato cirúrxico quen antes non era, sobre todo pola incorporación das técnicas mínimimante invasivas, que Ferrol foi dos primeiros hospitais en incorporar”, subliña o especialista.Dicir, por último, que a alta participación da Uroloxía da Xerencia Integrada de Ferrol nestes encontros científicos reflíctese de novo no nivel de aceptación dos traballos no ámbito nacional. Así, das 700 comunicacións aceptadas para o Congreso Nacional, que se celebrará o vindeiro mes en Sevilla, foron aceptadas 13 de profesionais da área sanitaria ferrolá.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias