El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Sociedad

COA AMPLIACIÓN DE SOGAMA

Galicia multiplicará por catro a capacidade de tratamento de lixo doméstico

18-05-2017 15:16:56

A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, asegurou que Galicia multiplicará por catro a capacidade de tratamento de lixo doméstico coa ampliación de Sogama. Así o afirmou esta mañá durante a inauguración da exposición fotográfica conmemorativa do 25 aniversario do complexo medioambiental de Cerceda coa que, a través de gráficos, imaxes, testemuñas e textos, se pretende facer un repaso pola historia deste complexo, ao tempo que dignifica a “aqueles que, fai xa un cuarto de século, levantaron este proxecto e foron perfeccionando este modelo”, manifestou a conselleira.    

Logo dun percorrido pola exposición, a titular de Medio Ambiente tivo a ocasión de valorar  o próximo inicio das obras de ampliación de Sogama, que comezarán a executarse o vindeiro mes de xuño, e permitirán ao complexo incrementar ata catro veces máis a súa capacidade de tratamento do lixo doméstico “dunha forma sostible e eficiente”. Así, mediante a creación dunha nova planta de clasificación de envases contidos no lixo en masa, como son as latas, os briks e os  envases plásticos e papel cartón; Sogama remitirá ata 120.000 toneladas máis de materiais aos centros de reciclaxe.   

Isto sumado á remodelación da actual planta de reciclaxe, tratamento e elaboración de combustible, onde xa se veñen seleccionando desde hai anos o aceiro, o aluminio e o vidro,  lograrase, segundo sinalou Beatriz Mato, “reducir o uso de vertedoiro ao máximo, pretendendo chegar ao vertido técnico cero”, isto é, que só se desvíe a vertedoiro aquela parte do lixo doméstico imposible de transformar en novas materias primas nin converter en enerxía.   

Cómpre recordar que desde o ano 1999, o complexo medioambiental de Cerceda logrou recuperar máis de 164.000 toneladas de aceiro, aluminio e vidro, que, tras o seu tratamento,  se reintegraron no circuíto comercial “cunha nova vida”, indicou a conselleira. De forma que “contribuíron ao aforro de materias primas como petróleo, auga, árbores (papel), ferro, aluminio, silicio, etc, así como o aforro enerxético de máis de 200 millóns de kilovatios /hora, o suficiente para abastecer a 25.000 fogares ao ano”. Todo isto sen esquecer, engadiu Beatriz Mato, as preto de 284.000 toneladas de envases que foron recollidos a través dos contedores amarelos e foron procesados na planta de clasificación, -que agora se mellorará-, para a súa posterior recuperación.


A capacidade medrará un 81 por cento máis

A mellora e optimización do complexo medioambiental de Cerceda non fará máis que mellorar estas estatísticas, xa que unha vez concluídas a obras de ampliación, Sogama verá incrementada nun 81 por cento a súa capacidade para o tratamento dos residuos urbanos de Galicia. Así, pasará de tratar 1 millón de toneladas anuais, fronte ás 550.000 iniciais.   

En definitiva, unha actuación, afirmou Mato Otero, que permitirá a empresa “procesar en condicións óptimas todos os residuos urbanos producidos en Galicia, ademais de contribuír en maior medida á reciclaxe”.   

A titular do departamento de Medio Ambiente lembrou que o Executivo galego comprometeu un investimento de 29 millóns de euros para a execución das obras de ampliación que comezarán o vindeiro mes e que, agárdase, rematen en decembro de 2018. Esta actuación situará a Sogama como unha das infraestruturas industriais das súas características “máis grandes e eficientes do mundo”.


Un sistema baixo en emisións elixido por 294 concellos

Por outra banda, a conselleira de Medio Ambiente destacou que, dos tres sistemas de xestión de residuos que existen en Galicia, Sogama “é o elixido por 294 dos 313 concellos de Galicia”, isto é, o 94 por cento dos municipios da Comunidade e, polo tanto, máis de 2,2 millóns de habitantes.   

Un modelo, insistiu Mato Otero, que contribuíu, desde a súa posta en marcha no ano 2000, á redución de 6,8 millóns de toneladas de CO2, se no seu lugar se tivera utilizado petróleo, mediante a valorización enerxética da fracción non reciclable. Ademais, o transporte ferroviario dos residuos evitou que 145.445 camións circulasen polas estradas, aforrando novamente, cada ano, a emisión de 2.200 toneladas de CO2 e preto de 800.000 litros de gasóleo.


Salto á Economía Circular

Será desta forma, engadiu a conselleira, como Sogama dará o “salto” á Economía circular como alternativa ao sistema caduco de fabrica-usar-tirar e como a única opción de futuro capaz de resolver os retos ambientais e favorecer o crecemento económico e o emprego verde. Neste senso, a conselleira de Medio Ambiente aproveitou a ocasión para recordar que a actividade de Sogama posibilitou a creación dun milleiro de postos de traballo, entre directos e indirectos, polo que “abriu as portas a un futuro esperanzador para a nosa Comunidade e as súas xentes”.    





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias