El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
Más noticias

DEPUTACIÓN DA CORUÑA

A Deputación leva a XVI Volta Ciclista aos concellos de Tordoia, Carballo e Ortigueira

16-05-2017 15:25:41
Presentación da XVI Volta Ciclista.

A Coruña.- A Deputación da Coruña acolleu hoxe a presentación da XVI Volta Ciclista á Provincia da Coruña, que este ano terá como puntos centrais os concellos de Tordoia, Carballo e Ortigueira. O deputado responsable da área de Deportes, José García Liñares, explicou os detalles do evento que terá lugar entre o 19 e o 21 de maio, acompañado polo presidente da Federación Galega de Ciclismo, Juan Carlos Muñiz Nieto, os alcaldes de Tordoia, Antonio Pereiro Liñares, e Ortigueira, Juan Penabad, e o deputado provincial de Turismo e edil carballés, Xosé Regueira. No acto de presentación tamén participaron o presidente do Club Ciclista de Cambre, Antonio Carrodeguas, e o recoñecido ciclista galego Ezequiel Mosquera. 

García Liñares destacou a “aposta da Deputación da Coruña pola promoción do ciclismo e en especial a Volta á Provincia, que financia ano tras ano para que os concellos non teñan que facer achegas económicas”, favorecendo así que tamén poidan acoller o evento os municipios máis pequenos e rurais, independentemente das súas capacidades orzamentarias. 

Neste sentido, o deputado provincial sinalou que “esta edición axudará a promocionar tres concellos moi diferentes que representan varias realidades da provincia da Coruña, como son o interior rural, a comarca de Bergantiños e as Rías Altas”.  Así o corroborou Juan Carlos Muñiz Nieto, presidente da Federación Galega de Ciclismo,  quen afirmou que as tres rutas permitirán “amosar as paraxes máis singulares dos concellos, poñendo en valor a súa beleza paisaxística, así coma a súa cultura e a gastronomía”. 

Muñiz Nieto tamén destacou que se trata “dunha das voltas de categoría nacional máis demandadas e xa instaurada no calendario de elite deste deporte”, polo que se espera que congregue a unha gran cantidade de afeccionados. 

Pola súa banda, os tres representantes dos concellos que protagonizarán esta edición da Volta manifestaron o seu agradecemento á Deputación e á Federación Galega de Ciclismo. O alcalde de Tordoia sinalou especialmente a inclusión dun concello rural “onde a promoción que supón este evento é moi importante”. Do mesmo xeito, o rexedor ortigueirés agradeceu esta oportunidade para visibilizar “as paisaxes que combinan mar e montaña na capital da música celta”, mentres que Xosé Regueira destacou o “arraigo especial” co que conta o ciclismo en  Carballo, así coma o “ impulso económico” que supón para os comercios e empresas da zona a gran afluencia de visitantes que acoden á cita deportiva.


25 equipos percorrerán a provincia en tres días

Este ano, a Volta á Provincia contará cun centenar de participantes procedentes de 13 equipos galegos, 10 do panorama nacional e tamén dous clubs portugueses invitados. Así mesmo, haberá unha ampla oferta de actividades relacionadas co ciclismo para os máis pequenos nos tres concellos. O Club Ciclista de Cambre encargarase da organización destas actividades complementarias, que pretenden achegar o ciclismo aos nenos e nenas e promover o deporte de base.  

A primeira das etapas, que se disputará o vindeiro venres 19 de maio, terá a saída e a meta no municipio de Tordoia, percorrendo tamén outros puntos da comarca de Santiago coma Sigüeiro, Oroso, Ordes, Boimorto, Sobrado dos Monxes ou Teixeiro. 

O sábado 20 de maio, os equipos se desprazarán ata Carballo, onde farán un percorrido de arredor de 140 quilómetros percorrendo enclaves como Buño, Ponteceso, Vimianzo, Dumbría ou Santa Comba ata rematar na céntrica Rúa Gran Vía da capital bergantiñá. 

A etapa final terá coma protagonista ao municipio de Ortigueira, onde os ciclistas cruzarán a meta final no Paseo do Malecón, tras percorrer lugares como Ponte Mera, San Sadurniño, Valdoviño ou Cedeira.


Concienciación sobre a seguridade dos ciclistas

A Deputación da Coruña e a Federación Galega de Ciclismo aproveitarán o impulso da Volta á Provincia para promover o respecto á distancia de seguridade de 1,5 metros que deben gardar os vehículos cos ciclistas. Para elo, os maillots dos gañadores teñen unha imaxe na parte posterior que visibiliza esta medida de seguridade básica para evitar accidentes nas estradas. 

Deste modo, a Deputación quere sensibilizar sobre as situacións de risco e concienciar tanto aos propios usuarios de bicicletas coma aos condutores do resto de vehículos para que respecten as normas.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias