El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Sociedad

UNIVERSIDADE | USC

Miguel López, entre os mellores investigadores novos do mundo no ámbito da endocrinoloxía

28-03-2017 11:03:31
O investigador Miguel López

O investigador da USC Miguel López recibirá o vindeiro mes de maio en Lisboa un dos galardóns máis importantes do mundo para persoal investigador do ámbito da endocrinoloxía, o European Journal of Endocrinology Prize que outorga a Sociedade Europea de Endocrinoloxía. Este é un premio que recoñece o labor de investigadores/as menores de 45 anos que teñan “contribuído de xeito significativo ao avance do coñecemento no eido da endocrinoloxía a través de publicacións” especializadas. 

Case unha década despois de ter sido galardoado como o mellor novo investigador básico de Europa no eido da obesidade e o primeiro español que recibía o 'EASO Young Investigator Awards for Basic Science', Miguel López suma o seu nome a unha lista de destacados/as expertos/as que integran outros quince especialistas en todo o mundo e entre os que se atopa unicamente outro español, Manuel Tena-Sempere. O profesor López recibirá este premio nunha cerimonia en Lisboa a finais do mes de maio na que pronunciará un relatorio sobre a súa abundante investigación arredor da definición de dianas fronte á obesidade. As súas liñas de investigación céntranse no estudo dos mecanismos hipotalámicos que regulan a inxesta de alimentos e o gasto enerxético, con particular interese no papel do metabolismo lipídico neuronal.


Miguel López

Miguel López, doutor en Bioloxía pola USC, realizou estudos posdoutorais na Universidade de Cambridge (UK). A súa liña de traballo foi merecedora dunha axuda Starting Grant do European Research Council (ERC) a través da que estuda se determinados tipos de lípidos poden ser tóxicos e interferir cos mecanismos moleculares que regulan a inxesta de alimentos e o gasto enerxético no hipotálamo. O investigador apunta que o coñecemento destes mecanismos moleculares permitirá identificar novas dianas terapéuticas para o tratamento da obesidade e a síndrome metabólica. O investigador ten o seu laboratorio no Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC (CIMUS) e está adscrito tamén ao IDIS e ao CIBERobn. 

De feito, nos últimos anos o traballo do seu grupo na USC permitiu demostrar que as hormonas tiroideasmodulan o metabolismo das graxas no hipotálamo. Despois relacionou o consumo de nicotina coa perda de masa corporal, a través da proteína AMPK para, meses despois, sinalar que unha proteína –denominada BMPBB- xoga un papel fundamental na termoxénese, forma en que a graxa parda queima os lípidos. Neste mesmo ámbito o equipo do investigador estudou a relación entre diabete tipo 2 e obesidade e descubriu o mecanismo mediante o cal os estróxenos –concretamente, o estradiol- regulan o peso corporal. Este longo percorrido na comprensión da obesidade alcanzou un novo chanzo co descubrimento dun novo mecanismo molecular que afecta ao aumento de peso e á aparición de diabete, a través das ceramidas, unha familia de lípidos que forma parte das membranas celulares e que tamén están implicadas en procesos de sinalización celular. 

Máis recentemente, o seu equipo identificou un novedoso mecanismo molecular que demostra como o aumento dunha proteína no hipotálamo consegue que ratas obesas adelgacen sen deixar de comer, ao tempo que melloran o seu estatus metabólico diminuíndo ademais a diabete tipo 2 asociada. 

Outros galardóns obtidos por este investigador foron o Premio Extraordinario de Doutoramento da USC en 2003, o Premio de Investigación da Academia Médico-Quirúrxica da Consellaría de Sanidade en 2004 e o Premio de Investigación Básica en Obesidade da Sociedade Española de Endocrinoloxía e Nutrición en 2006, así como o premio na modalidade Talento Novo en Investigación Biomédica da segunda edición dos premios 'Constantes y Vitales', que achega 100.000 euros para o desenvolvemento das súas liñas de traballo. Departamento de comunicación





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias