A directora xeral de Calidade Ambiental e
Cambio Climático, María
Cruz Ferreira Costa, presentou o contido do informe meteorolóxico de inverno
2016-2017, elaborado por Meteogalicia; no que se conclúe que o inverno en
Galicia foi cálido e seco.
Segundo os datos recompilados, a temperatura
media do inverno foi de 9,1ºC, o que a sitúa en 0,55ºC por riba da anomalía de
temperatura media para a serie rexional representativa de Galicia (diferencia
entre a temperatura media deste inverno e o valor climático no período
1981-2010), aínda que en menor medida que o inverno anterior, que foi moi
cálido cunha anomalía de 1,56ºC.
Analizando a situación por meses, decembro
rexistrou unha temperatura media mínima alta no litoral, pero algo máis preto
do normal no interior, debido ás fortes xeadas rexistradas nos derradeiros días
do mes, con mínimas por debaixo dos -5ºC en puntos de Lugo e Ourense. En
relación coas precipitacións, foron moi escasas, tanto nas cantidades (78%
inferior á media) como no número de días de chuvia, que se quedaron en xeral
entre 3 e 5.
Xaneiro, máis frío
O mes de xaneiro foi máis frío, isto debido en
boa medida á chegada dunha masa de aire polar continental na xornada do día 17,
o que provocou que durante varios días as mínimas foran extremadamente baixas e
con xeadas xeneralizadas, chegando a -14ºC o día 19 en Calvos de Randín e por
debaixo de -9ºC en moitos puntos da provincia de Ourense.
Non obstante, tendo en conta as precipitacións
pode considerarse un mes seco. As precipitacións acumuladas no mes de xaneiro
foron novamente moi escasas, cun 62% inferior á media, e só hai un precedente,
o ano 2012 cando foron un 68% inferior. Soamente nos derradeiros días do mes, a
partir do día 26, presentouse algunha xornada de chuvia xeneralizada, pero en
ningún caso con valores moi elevados que fosen capaces de equilibrar o déficit
das semanas anteriores. Por estes rexistros, o primeiro mes de 2017 contrastou
co de 2016, que fora moi húmido.
A directora de Calidade Ambiental explicou que
febreiro cualificouse como moi cálido, con temperaturas medias elevadas para a
época do ano e o mes, cunha media de temperatura +1,3ºC por riba, o que o sitúa
como o máis cálido de 2008. Isto debeuse ao paso de sistemas frontais na
primeira metade do mes estivo acompañada en xeral por ventos de sur que non
deixaban descender os termómetros e tamén ao episodio anticiclónico de mediados
do mes, que achegou aire cálido e deixou temperaturas elevadas durante as horas
diúrnas.
En relación coas precipitacións, febreiro pode
considerarse como moi húmido, con precipitacións en xeral moi por riba da media
climatolóxica (+62%), aínda que inferior a febreiro de 2016(+136%). Esta
anomalía débese principalmente á acumulación de precipitación durante os
primeiros catro días do mes, debido ao paso de borrascas moi preto da costa
galega (Jürgen o día 2 e Kurt e Leiv o 3), o que fixo que se acadaran rexistros
moi importantes (máis de 100 L/m2 en 24h en zonas da Coruña, Ourense e
Pontevedra.
Esta información e o contido do informe
climatolóxico inverno 2016-2017 máis ampliado está accesible na web da páxina
da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, a través
de Meteogalicia.