El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Sociedad

Dircom Galicia visita Sogama

24-02-2017 17:22:13
Membros de Dircom Galicia, en Sogama.

Membros de Dircom Galicia, Asociación de Directivos de Comunicación, presidida por Amalia Baltar, desprazáronse hoxe á sede da Sociedade Galega do Medio Ambiente para coñecer de primeira man a actividade desta empresa pública, que xestiona a meirande parte dos residuos urbanos producidos na comunidade, así como os programas de comunicación e educación ambiental nos que vén traballando para que cada vez sexan máis os cidadáns que se conciencien na necesidade de levar a cabo unha xestión máis sostible dos seus refugallos e incrementar desta forma a súa achega á reciclaxe. 

Representantes de Sogama encargáronse de explicar, de forma pormenorizada, o cometido que a entidade está a desenvolver en Galicia, á vez que avanzaron o proxecto de ampliación da súa infraestrutura central, iniciativa que permitirá ampliar a súa capacidade nun 81%, pasando das 550.000 toneladas/ano nominais a 1 millón. Culminadas as obras, en decembro de 2018, Sogama pasará  a ser unha das plantas das súas características máis grandes de Europa e unha das maiores do mundo, erixíndose en todo un referente internacional, á vez que consolidará o seu liderado en España.


En sintonía coa economía circular

Desta forma, procederase á construción dunha nova planta para a clasificación dos envases plásticos e de papel/cartón contidos no lixo en masa, á vez que se remodelará a actual nave de reciclaxe, tratamento e elaboración de combustible, na que xa se viña separando o vidro, o aceiro e o aluminio erróneamente depositados polos cidadáns na bolsa negra. Esta actuación permitirá á empresa aumentar a súa achega ao reciclado en 120.000 toneladas anuais de material, multiplicando por catro as cifras actuais, e diminuír o vertido a valores meramente testemuñais, pretendendo chegar ao vertido técnico cero, é dicir, que só se desviará a vertedoiro aquela parte do lixo que non se poida reciclar nin valorizar material ou enerxeticamente. 

Este proxecto representará un fito no labor da Sociedade e marcará o inicio do camiño que esta se propuxo emprender para cumprir cos canons da economía circular, é dicir, máis reutilización, máis reciclaxe e menos vertido, concibindo aos residuos como recursos. 

Acto seguido, o grupo tivo oportunidade de realizar un percorrido guiado polas instalacións que conforman o complexo medioambiental de Cerceda. Tras unha primeira parada na planta de clasificación, onde se recepcionan os envases de plástico, latas e briks recollidos a través dos contedores amarelos, e sepáranse por tipoloxías para ser remitidos aos centros recicladores, o itinerario seguiu o seu curso pola planta na que se procesa a bolsa negra e na que, tras seleccionar a fracción susceptible de ser reciclada, o resto convértese nun combustible derivado de residuos (CDR) que se valoriza enerxéticamente na planta termoeléctrica para producir enerxía suficiente coa que abastecer unha cidade como Vigo.


Dircom

Creada en 1992, é unha asociación profesional que agrupa a directivos e profesionais da comunicación de empresas, institucións e consultoras de España. A día de hoxe conta con máis de 950 socios, entre eles Sogama, e sete delegacións territoriais, unha en Galicia. 

A entidade vén organizando máis de 100 actividades anuais que se enmarcan nos eixes estratéxicos da entidade, é dicir, recoñecemento, coñecemento, networking e Responsabilidade Social Corporativa. Ademais, a través da Escola Dircom ofrece aos seus socios formación específica en comunicación corporativa. Máis información en www.dircom.org.   





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias