El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
Sociedad

HOXE

As bibliotecas públicas galegas celebran o seu día

23-10-2016 13:08:53
O Día da Biblioteca.

O 24 de outubro celébrase o Día da Biblioteca e as bibliotecas públicas galegas dependentes da Secretaría Xeral de Cultura da Consellería de Cultura e Educación desenvolverán ao longo de toda a semana unha extensa programación dirixida a achegarlle os seus servizos á cidadanía.    

Actuacións, obradoiros, xornadas de portas abertas, contacontos, visitas guiadas, liberación de libros e mostras bibliográficas son algunhas das propostas que terán lugar ao longo da vindeira semana na Biblioteca de Galicia, nas bibliotecas públicas de Lugo e de Ourense, na da Coruña Miguel González Garcés, na de Vigo Juan Compañel, na de Pontevedra Antonio Odriozola e na de Santiago de Compostela Ánxel Casal. Esta última mesmo recoñecerá os mellores lectores adultos e infantís coa entrega do premio “Superlectores”, consistente en lotes de libros para os usuarios con maior número de préstamo.    

Teatro e misterios por descubrir en Santiago de Compostela  Tanto a Biblioteca de Galicia, na Cidade da Cultura, como a Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal abrirán as súas portas o día 24 con visitas guiadas para coñecer mellor o funcionamento das bibliotecas. Ademais, a Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal realizará unha campaña de liberación de libros por diferentes espazos da biblioteca, que o lector ou lectora poderá levar para liberaralos de novo, unha vez lidos, en calquera lugar da cidade, contribuíndo así a expandir a lectura máis alá das paredes da biblioteca.    

Neste mesmo centro, pola mañá, haberá unha sesión de contacontos para bebés (con inscrición previa), “Contos de ida e volta”, a cargo de Charo Pita. E pola tarde, os cativos e nenas de 6 a 12 anos (previamente inscritos) terán a misión de descubrir “Quen matou a bibliotecaria?”, unha actividade para investigar as distintas tarefas que se realizan nunha biblioteca. Para que os máis pequenos entendan o seu funcionamento, a Ánxel Casal programou, así mesmo, unha mostra co título “Historias de biblioteca”, unha selección de libros infantís nos que son protagonistas as bibliotecas e o persoal bibliotecario. Na mesma semana, tamén dirixido ao público infantil, o día 26 Títeres Cachirulo representará ás 18:30 h. “O libro da Selva”, no salón de actos, con entrada libre ata completar a capacidade.    

Co obxectivo de estimular que o pracer pola lectura entre polos ollos, o día 24 a biblioteca arranca o seu V Concurso de Fotografía “Lendo en Compostela”, con imaxes que suxiran interese polos libros e a lectura na cidade.   


Contos e maxia nas bibliotecas da Coruña e Lugo

A Biblioteca Pública da Coruña Miguel González Garcés viaxa “Alla scoperta della Sicilia” cun curso para afondar na lingua italiana e na cultura da illa mediterránea, que se prolongará ata o mes de novembro. Os interesados deben inscribirse no web da biblioteca. Este mesmo procedemento é o que se require para participar no taller de teatro programado para maiores de 18 anos, baseado na obra “Noite de reis” de William Shakespeare. No final da semana, o sábado 29 de outubro, este centro tamén ofrece, ás 12:00 h. da mañá con entrada libre, a sesión “Contos revoltos” relatados por Fátima Fernández, dentro da programación Ler conta moito.    

Os contos tamén serán protagonistas do Día da Biblioteca o propio día 24 na Biblioteca Pública de Lugo, que programa ás 18:00 h. a sesión “Conto de outono: a nena do farol”, que require inscrición previa. Pola tarde, e dentro do programa “Filosofía nas bibliotecas” organizado pola Fundación Euseino, Brais Arribas impartirá unha charla sobre “Deixar ser a diferenza: a potencia política da identidade feble”. Durante todo o día, as persoas que se acheguen á biblioteca poderán levar de balde un libro e un marcapáxinas co lema “Anímate a ler!”. E para pechar a semana dunha maneira máxica, o venres 28 o salón de actos acollerá o espectáculo para todos os públicos “Onde está o mago Antón?”, ás 18:00 h., con entrada libre ata completar a capacidade. Ducias de xogos de maxia para animar a cidadanía a achegarse á biblioteca e descubrir, na visita, os fondos antigos da biblioteca, incunables e manuscritos históricos, que estarán expostos ao longo de toda a semana baixo o título “Os tesouros bibliográficos da Biblioteca Pública de Lugo”.     


Receitas personalizadas

A Biblioteca Pública de Ourense instalará o día 24 na rúa do Paseo unha carpa para difundir os seus servizos e promover a incorporación de novos usuarios. O persoal técnico da biblioteca tamén realizará, ao longo de todo o día, “Consultorios literarios”, nos que ofrecerán receitas personalizadas para cada persoa en función do seu perfil lector. Pola tarde, ás 18:30 h. haberá unha visita especial, da man da “fada da biblioteca”, para que nenos e nenas se acheguen aos libros que atesoura.    

O mesmo día, na Biblioteca Pública de Pontevedra Antonio Odriozola, Trinketrinke Teatro ofrecerá a sesión de contacontos “Paxariños”, para a rapazada a partir de 3 anos, con entrada de balde ata completar a capacidade. Con cada préstamo efectuado ese día, grandes e pequenos levarán de agasallo un marcapáxinas. Será unha boa oportunidade para achegarse á biblioteca, que ao longo da semana, tamén destaca unha selección de libros no centro de interese “Os ratos contan... historias de bibliotecas”.    

Outra mostra bibliográfica curiosa é a que programa, durante toda a vindeira semana, con motivo do Día da Biblioteca, a Biblioteca Pública de Vigo Juan Compañel. Baixo o título “Bibliotecas arredor do mundo” selecciona, para público xeral, un conxunto de títulos sobre as bibliotecas máis curiosas e importantes do planeta. A programación da semana rematará o día 27 cunha sesión de contacontos e cancións para os máis cativos (menores de 3 anos) a cargo de Soledad Felloza.    

Toda a programación no móbil, coa app Axenda Cultura Para facilitar o acceso permanente a toda a programación das bibliotecas públicas e dos centros de programación cultural dependentes da Consellería de Cultura e Educación, a Xunta de Galicia conta coa app Axenda Cultura, dispoñible gratuitamente en Google Play e App Store desde www.xunta.gal/aplicacions-mobiles





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias